A investigadora Susana Ladra, galardoada nos Premios RAGC-UIE polo seu traballo innovador en bioinformática
A investigadora do CITIC da Universidade da Coruña, Susana Ladra, recibiu este 22 de xaneiro un accésit na categoría de Ciencias Básicas nos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores mozos. Os Premios RAGC-UIE, organizados pola Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa, foron entregados no centro Obra Social ABANCA en Santiago, nun evento retransmitido en directo a través de Afundación TV. Estes galardóns teñen como obxectivo impulsar a investigación científica en Galicia, recoñecendo as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que contribúan ao progreso social e tecnolóxico.
Susana Ladra enfócase no deseño de algoritmos e estruturas de datos aplicados á recuperación de información e a aplicacións multidisciplinares no campo da bioinformática. Durante o acto de entrega, destacou a importancia de recoñecer o esforzo das persoas novas que traballan pola ciencia en Galicia, sinalando que “este galardón é un incentivo para continuar investigando en solucións a problemas relevantes e complexos”.
Entre as premiadas nesta edición destacaron tamén outras investigadoras galegas. Beatriz Pelaz, profesora da Universidade de Santiago e investigadora do CiQUS, foi galardoada na categoría de Ciencias Básicas polo seu traballo no desenvolvemento de nanomateriais funcionais para novas nanomedicinas. En Ciencias Técnicas, Belén Riveiro, profesora da UVigo e investigadora no CINTECX, foi recoñecida pola súa investigación en intelixencia artificial aplicada á avaliación de estruturas de enxeñaría civil. Cristina Gómez, profesora da USC, foi premiada en Ciencias Sociais polos seus estudos sobre o comportamento das persoas en contextos de crise social e política.
Tamén se entregaron accésit. Entre eles, Iria Gómez, investigadora no CiMUS da USC, destacou polos seus proxectos sobre diabetes tipo 1. Sara González, investigadora no CRETUS da USC, foi recoñecida polo seu labor en economía circular e sustentabilidade. Ademais, Ariadna Monje, profesora da UDC, foi premiada polo seu traballo en emprendemento e turismo, fortalecendo a transferencia do coñecemento científico.
Miguel Ángel Escotet, reitor da UIE, destacou o crecemento da participación feminina nesta primeira edición, sinalando que un 62% das candidaturas foron de mulleres, das que sete resultaron premiadas. Pola súa banda, Juan Lema, presidente da RAGC, subliñou a importancia de visibilizar o talento galego na ciencia e promover novas xeracións de investigadoras e investigadores.