A investigadora Thais Pousada imparte en Valencia un taller sobre recursos tecnolóxicos para a comunicación e participación das persoas con discapacidade
A investigadora do CITIC Thais Pousada, doutora en Ciencias da Saúde e terapeuta ocupacional, participou este sábado 25 no congreso EsLibre 2024 celebrado en Valencia e que deu comezo o venres 24. Nel impartiu un taller sobre “Recursos Tecnolóxicos para a Comunicación e Participación das Persoas con Discapacidade”.
O obxectivo do taller foi achegar o coñecemento de diferentes recursos de tecnoloxía libre que facilitan os procesos de comunicación de persoas con discapacidade. A investigadora do CITIC falou sobre aplicacións e programas libres que permiten mellorar as posibilidades de comunicación para aquelas persoas que enfrontan dificultades debido á súa situación de saúde e resaltou que a tecnoloxía debe servir como un recurso facilitador para todas as persoas, especialmente para aquelas que buscan superar barreiras na comunicación.
Os participantes tiveron a oportunidade de familiarizarse con ferramentas para confeccionar taboleiros de comunicación, axendas virtuais, secuencias de actividades e mellorar o acceso a diversos dispositivos. Todo iso co fin de crear recursos válidos e adecuados para promover a participación e a inclusión das persoas con discapacidade, utilizando a tecnoloxía en beneficio da comunidade.
Thais Pousada é recoñecida polo seu traballo en investigación, especialmente no deseño de solucións en 3D e aplicación de realidade virtual para persoas con discapacidade a través de diversos proxectos como o programa Talentos Inclusivos do CITIC. Ademais, colabora con varias organizacións sen ánimo de lucro, incluíndo a Federación ASEM e a Federación Española de Enfermidades Raras, e é membro da Xunta Directiva de Enxeñería sen Fronteiras (ESF) Galicia.