CITIC

A terceira edición da CITIC Cyber Competition puxo a proba as habilidades en ciberseguridade de máis de 150 estudantes de toda España

14/03/2024 - CITIC
  • CITIC Cyber Competition é unha competición no ámbito da seguridade informática organizada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) en colaboración con atlanTTic da Universidade de Vigo (UVigo) e que conta co patrocinio da Cátedra R en Ciberseguridade . 
  • Enmarcouse dentro do evento TalentoCibeR, no que se impartiron talleres formativos e unha charla coloquio sobre empregabilidade en ciberseguridade.  
  • Os equipos “The High Sleuths”, “XORprecha” e “Todo o mundo saltando por Marta no seu cumpre” obtiveron as máximas puntuacións tras catro horas de desafíos en seguridade informática, criptografía, esteganografía, análise forense ou aplicacións web. 

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) da UDC acolleu este xoves o evento TalentoCibeR e a competición de ciberseguridade CITIC Cyber Competition (C3TF), no que participaron 157 estudantes de toda España repartidos en 40 equipos que competiron entre si nas instalacións do CITIC, desde atlanTTic en Vigo e en formato online. 

A competición desenvolveuse en formato “Capture The Flag” (CTF), de modo que os estudantes de Formación Profesional, Bacharelato e universitarios tiveron que resolver máis de vinte retos diferentes en ciberseguridade e, no menor tempo posible, “capturar a bandeira”. Estes retos foron desenvolvidos por Martiño Rivera, Rubén Pérez, Julián González e David Soler, investigadores do CITIC da área de ciberseguridade.  

Ao longo de catro horas, os equipos enfrontáronse a máis de 20 retos relacionados con diversas temáticas que abarcan unha ampla gama de áreas da seguridade informática, como criptografía, esteganografía, análise forense, enxeñería inversa, hacking de aplicacións web ou explotación de vulnerabilidades, entre outros. 

Os tres equipos gañadores foron premiados con 1.000€, 700€ e 400€ cada un. O equipo “The High Sleuths” formado por Adrià Pérez, Jesús Mosteiro, Jonathan Pichel, Jorge García e Toni Molina foi o que obtivo máis puntuación; o segundo premio logrouno o equipo “XORprecha” formado por Carlos Flethes, Esteban Segura, Ismael Melchor, José Antonio Díaz e Pedro José Navas. O terceiro premio recaeu en “Todo el mundo saltando por Marta en su cumple”, integrado por Diego Fernández, Inés Martín e Jesús Parra.  

A entrega de premios contou coa participación de Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña, Alfredo Ramos, director de R e grupo MASMOVIL en Galicia, Ana Fernández, directora da Cátedra R na Universidade de Vigo e Carlos Dafonte, director da Cátedra R na Universidade da Coruña. 

 

TalentoCibeR 

O CITIC Cyber Competition (C3TF) celebrouse no marco da primeira edición do evento TalentoCibeR, nacido co obxectivo de dar visibilidade ao talento en ciberseguridade de Galicia e, ao mesmo tempo, fomentar novas vocacións a través do achegamento entre empresas e estudantes. Para iso, organizáronse dous talleres prácticos, que tiveron lugar simultaneamente, e unha mesa coloquio. 

O taller dirixido por Manuel García González, Senior Security Architect de Microsoft, enfocouse na xestión de licenzas na suite de Microsoft 365 E5. Os asistentes ao taller «O inicio do procedemento forense informático:» aprenderon como obter evidencias forenses en dispositivos como ordenadores ou móbiles, utilizando hardware e software. Foi impartido por Rafael López García, profesor do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro.  

Tras os talleres, tivo lugar o coloquio “Empregabilidade e saídas profesionais de ciberseguridade”, no que participaron Manuel García, de Microsoft Spain; Alfredo Ramos, director de R e grupo MASMOVIL en Galicia; Iago Fortes, CEO de Inprosec  e Antonio Fernandes, cibersecurity xestor de FINSA. 

TalentoCibeR e a terceira edición do CITIC Cyber Competition (C3TF) foron organizados polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) en colaboración co Centro de Investigación atlanTTic da Universidade de Vigo (UVigo), e patrocinado pola Cátedra R en Ciberseguridade.