CITIC
UDC_Abanca_

A UDC e ABANCA asinan un convenio que consolida a súa colaboración a través do CITIC

31/01/2022 – CITIC

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, asinaron o pasado venres 28 de xaneiro un protocolo xeral de colaboración para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial, a transformación dixital e as tecnoloxías habilitadoras no ámbito da Cidade das TIC, consolidando a colaboración de ambas entidades a través do CITIC.

Segundo o reitor, “este protocolo reforza a colaboración de ambas institucións no desenvolvemento da Cidade das TIC como axente de innovación tecnolóxica clave para a necesaria transformación dixital do sector empresarial e da sociedade en xeral”, afirmou Abalde. Engadiu que “o CITIC é o maior centro de IA e o primeiro centro singular de tecnoloxías TIC de Galicia”.

Pola súa banda, Francisco Botas manifestou que “ABANCA é unha entidade que apostou desde o seu nacemento pola tecnoloxía e a innovación. Este compromiso lévanos a sumar os nosos esforzos aos doutras organizacións públicas e privadas, como a Universidade da Coruña. Este acordo servirá para desenvolver un proxecto de gran calado para A Coruña e para Galicia, e converterase nun referente no ámbito da tecnoloxía e a innovación dixital”.

A creación da Cidade das TIC constituirá un polo tecnolóxico TIC e de innovación dixital que actúe como un demostrador de tecnoloxías emerxentes. Ofrecerá apoio ao tecido empresarial a través da prestación de servizos tecnolóxicos, facilitando a instalación de empresas do sector e servindo como un vector de crecemento e dinamización económica. É por iso que ABANCA está interesada en colaborar coa UDC no desenvolvemento da Cidade das TIC no marco da súa estratexia de innovación e dixitalización.

Convenios posteriores recollerán as accións concretas para materializar este protocolo de colaboración que permitirá o intercambio e a formación de profesionais, profesorado e persoal investigador, así como favorecer a participación conxunta en proxectos de investigación e desenvolvemento, entre outras iniciativas. Este protocolo ten unha vixencia de catro anos, prorrogable a outros catro.