CITIC

A UDC e ITG impulsan unha alianza estratéxica para apostar pola computación cuántica

16/04/2026 - CITIC
  • A Universidade da Coruña e o centro tecnolóxico crean a Cátedra ITG-UDC en Tecnoloxía Cuántica para promover a investigación, a formación e a transferencia neste ámbito clave.
  • A nova cátedra estará adscrita ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) e liderada polo seu director, Manuel F. González Penedo.
  • ITG achega a súa experiencia en computación cuántica e reforza o seu papel como axente clave na transferencia tecnolóxica e a innovación.

A Coruña, 16 de abril de 2026.-  A Universidade da Coruña e o centro tecnolóxico ITG formalizaron este mércores a creación da Cátedra ITG-UDC en Tecnoloxía Cuántica, unha iniciativa que reforza a colaboración entre ambas entidades para impulsar o desenvolvemento científico e tecnolóxico nun dos campos máis prometedores da innovación actual. No acto institucional de sinatura do convenio, participaron, por parte da UDC, o reitor Ricardo Cao Abad; o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas Agudo; a secretaria xeral, Marta García Pérez; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; o responsable de Transferencia e Innovación do centro TIC, Javier Garrido Barral, e o director xerente da Fundación CITIC, Antonio Rojo; xunto ao director xeral do ITG, Carlos Calvo Orosa.

“Esta cátedra exemplifica o compromiso da UDC coa investigación de excelencia e coa transferencia de coñecemento cara á sociedade e o tecido produtivo”, afirmou o reitor, Ricardo Cao Abad, quen engadiu que “a colaboración co ITG permítenos avanzar nun ámbito clave para o futuro, como é a computación cuántica, fortalecendo ao mesmo tempo a formación do noso alumnado.”

Na mesma liña, o director xeral do ITG, Carlos Calvo sinalou: “A creación desta cátedra contribúe a achegar o ámbito investigador e o empresarial, acelerando a aplicación real da computación cuántica. A mellora competitiva é a razón de ser de ITG e en 2025 xa desplegamos, por exemplo, unha das primeiras de redes de comunicacións cuánticas do Estado, capaz de garantir comunicacións invulnerables. Unha rede que conecta dúas sedes do centro tecnolóxico e que permite ás empresas testar esta tecnoloxía e comprobar o seu valor antes de investir nela”.

Paso estratéxico

A cátedra nace co obxectivo de establecer un marco de colaboración estable que fomente o intercambio de experiencias nos ámbitos da docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento. Adscrita ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), a cátedra estará dirixida por Manuel F. González Penedo.

“A creación desta cátedra supón un paso estratéxico para consolidar un ecosistema de colaboración estable entre investigación e empresa nun ámbito tan innovador como a tecnoloxía cuántica”, destacou González Penedo. “Desde o CITIC queremos situarnos na vangarda da xeración de coñecemento en computación cuántica, promovendo proxectos de alto impacto e formando profesionais preparados para os retos tecnolóxicos do futuro”, engadiu o director do centro e da cátedra.

A iniciativa permitirá promover actividades conxuntas orientadas á xeración de coñecemento especializado e á conexión entre o ámbito académico, o tecido empresarial e as institucións públicas.

A dotación anual da cátedra será xestionada pola Fundación CITIC, desde onde tamén se colaborou, a través da súa área de Transferencia, na posta en marcha deste acordo.

A computación cuántica constitúe unha das áreas máis innovadoras dentro das tecnoloxías deep-tech, ao ofrecer novas capacidades para o procesamento da información e a resolución de problemas complexos que superan as limitacións dos sistemas clásicos. Neste contexto, a cátedra configúrase como un espazo de colaboración para impulsar a investigación, a formación especializada e a exploración de aplicacións destas tecnoloxías emerxentes.

O plan de actuación da cátedra estrutúrase arredor de tres eixes principais. No ámbito da formación, promoveranse prácticas académicas, traballos fin de grao e mestrado e teses de doutoramento industriais, co obxectivo de fomentar o talento e facilitar a inserción laboral.

En investigación, impulsaranse proxectos conxuntos de alto impacto en I+D+i entre persoal investigador da UDC —especialmente do CITIC— e ITG, favorecendo tamén a produción científica colaborativa conforme aos estándares de excelencia.

No eido da divulgación, desenvolveranse actividades orientadas á difusión do coñecemento e á creación de espazos de encontro entre a comunidade científica, o ámbito empresarial e a sociedade.

Co selo de excelencia do ITG

ITG é o único centro tecnolóxico galego co dobre selo estatal de excelencia investigadora CERVERA en computación cuántica, abordando tanto a optimización enerxética en sistemas de autoconsumo, como o desenvolvemento de solucións avanzadas en ciberseguridade baseadas en criptografía postcuántica (PQC) aplicada ás comunicacións.

En 2021, o centro tecnolóxico creou a súa Unidade de Tecnoloxías Cuánticas, un equipo multidisciplinar que integra perfís en intelixencia artificial, visión artificial, procesamento da linguaxe natural, ciberseguridade, física e telecomunicacións. Desde esta unidade, ITG impulsou a primeira rede privada de comunicacións con seguridade cuántica do noroeste de España, conectando dúas das súas sedes na Coruña mediante fibra óptica e nodos de distribución cuántica de claves (QKD). Unha infraestrutura á vangarda do desenvolvemento de comunicacións cuánticas aplicadas a contornas operativas.