CITIC

A UDC instala medidores de CO2 nas súas dependencias, nun proxecto coordinado polo investigador Carlos Escudero

16/04/2021 – CITIC

A Universidade da Coruña é unha das primeiras universidades españolas en instalar medidores de CO2 nas súas dependencias, garantindo así espazos de traballo seguros. Este proxecto de investigación de Intelixencia Artificial está coordinado polo investigador do CITIC Carlos Escudero, que é ademais adxunto do reitor para Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.

O proxecto conta coa colaboración do Servizo de Informática e Comunicación e o Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Ademais, está enmarcado dentro do proxecto CEDCOVID (Ciencia e Enxeñaría de Datos para a avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade COVID-19), liderado por Ricardo Cao como IP e Manuel F. González Penedo como co-IP.

A UDC conta xa con 60 medidores de interior e referencias exteriores, e dispón dunha infraestrutura de rede que permite rápidas redistribucións das zonas de medición. A información proporcionada recóllese de forma centralizada para poder establecer patróns e actuar en tempo real, a través de sistemas de comunicación do Internet das Cousas (IoT).

Así, este proxecto servirá como exemplo ao resto da sociedade, xa que a medición de dióxido de carbono é clave para controlar a calidade do aire e a concentración de aerosois en espazos pechados. Isto é interesante non só para garantir espazos seguros en relación co COVID-19, senón tamén para contribuír a unha maior eficiencia enerxética.