A Xunta convoca 151 novos contratos predoutorais e posdoutorais
28/01/2021 – CITIC
A Xunta convocou 151 novas axudas predoutorais e posdoutorais da modalidade de formación inicial de investigadores en Galicia. Estas axudas contan cun financiamento de 15,2 millóns de euros aportados polos orzamentos autonómicos a través dunha acción conxunta entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
O programa de apoio predoutoral ofrece 102 contratos, mentres que o programa posdoutoral de formación inicial conta con 49 prazas. A duración máxima das bolsas será de 3 anos.
Esta convocatoria está destinada ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía).
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 1 de marzo.