CITIC

Aberto o prazo para participar no taller internacional AIEER 2024 sobre IA en Educación e Investigación

12/04/2024 - CITIC
  • Os investigadores do CITIC Francisco Javier Bellas e Óscar Fontenla organizan o seminario, impulsado pola Universidade da Coruña, o Instituto Federal de Educación e Formación Profesional (BIBB, Alemaña) e as Universidades de Bonn e Coblenza (Alemaña).  
  • A convocatoria para a presentación dos relatorios finaliza o 31 de maio e o taller terá lugar no mes de outubro.  

O taller internacional “AI in Education and Educational Research (AIEER)” 2024 levarase a cabo como parte da 27.ª Conferencia Europea sobre Intelixencia artificial (ECAI) 2024, os días 19 e 20 de outubro de 2024 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. 

Os investigadores do Centro de Investigación en tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, Francisco Javier Bellas e Óscar Fontenla, son os organizadores deste seminario, organizado pola Universidade da Coruña, o Instituto Federal de Educación e Formación Profesional (BIBB, Alemaña), e as Universidades de Bonn e Coblenza (Alemaña), que se centra no papel transformador da intelixencia artificial (IA) no ámbito educativo. 

Con dous enfoques complementarios, o taller aborda tanto os aspectos técnicos como interdisciplinarios da aplicación da IA na educación. O primeiro enfoque céntrase en cuestións técnicas, explorando métodos específicos de IA aplicados á creación de contidos, elaboración de perfís de estudantes, analítica da aprendizaxe e sistemas intelixentes de titoría. Pola súa banda, o segundo enfoque adopta unha perspectiva máis ampla, considerando as implicacións sociais e educativas do uso da IA na educación. 

“Atopámonos nun momento crucial de desenvolvemento neste campo, no que expertos en IA e educación deben colaborar para lograr un uso óptimo desta tecnoloxía nos procesos de ensino e aprendizaxe”, sinala o investigador do CITIC, Francisco Javier Bellas.  

O taller presenta unha oportunidade para investigadores, educadores e profesionais interesados na intersección entre IA e educación para intercambiar ideas, presentar novos avances e reflexionar sobre o estado actual e futuro deste campo en constante evolución. 

Os interesados en participar teñen ata o 31 de maio de prazo para enviar os seus relatorios en https://www.bibb.de/en/187060.php  

ECAI 2024 

ECAI 2024 terá lugar entre os días 19 e 24 de outubro en Santiago de Compostela, organizado polo CiTIUS da USC co apoio da European Association for Artificial Intelligence (EurAI) e a Asociación Española para a Intelixencia artificial (AEPIA).