Aberto o rexistro de asistencia para o V Congreso XoveTIC
30/08/2022 – CITIC
O rexistro de asistencia para o V Congreso XoveTIC, que terá lugar o 5 e 6 de outubro no CITIC e a Facultade de Informática da UDC, está aberto ata o próximo 16 de setembro. O evento, organizado polo CITIC, celebrarase de novo en formato presencial tras dúas edicións online debido á pandemia. Trátase dun congreso destinado a investigadores/as júnior, ofrecéndolles un espazo de encontro para o debate científico, onde presenten os seus traballos no ámbito das TIC. O XoveTIC é unha oportunidade ideal para que as persoas participantes compartan as súas investigacións nun ambiente colaborativo e distendido.
Durante estas semanas, os/as autores/as están a enviar os traballos definitivos para a súa publicación no libro de actas do congreso; o prazo para a súa recepción expirará o 7 de setembro.
O cinco traballos mellor valorados por parte do Comité Científico recibirán un premio de 300 euros cada un, financiados polas entidades patrocinadoras: ITG, CPEIG, Clúster TIC Galicia, Fundación CITIC e as cátedras institucionais da Facultade de Informática (Cátedra ALDABA WIB: Women, ICT & Business; Cátedra NTT Data en Diversidade e Tecnoloxía; e Cátedra R en Ciberseguridade).
O congreso celebrarase na Sala Cloud do CITIC, fóra da sesión de pósteres, que terá lugar na Facultade de Informática. A inscrición ao XoveTIC é totalmente gratuíta.