Convocatorias FBBVA: Premios SEIO-FBBVA e axudas a equipos de investigación en SARS-CoV-2 e COVID-19
01/06/2020
A Sociedade de Estatística e Investigación Operativa (SEIO) e a Fundación BBVA convocaron a primeira edición dos premios SEIO-Fundación BBVA, destinados a recoñecer as achegas científicas máis innovadoras e influíntes en estatística e investigación operativa. Estes galardóns teñen o obxectivo de incentivar o traballo dos mellores investigadores nestas áreas e de impulsar a proxección destas disciplinas ao conxunto da sociedade.
Os premios están dirixidos a investigadores en estatística e investigación operativa de nacionalidade española, ou doutra nacionalidade que realicen o seu traballo de investigación nunha universidade ou centro científico de España.
Nesta convocatoria concederanse un máximo de cinco premios, cada un coa dotación bruta de 6.000 euros, todos eles na modalidade de achegas pioneiras e influíntes na investigación, a escala internacional, en estatística e investigación operativa.
O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 30 de xuño de 2020.
Por outra banda, a Fundación BBVA lanzou unha convocatoria de axudas a equipos de investigación científica SARS-CoV-2 e COVID-19, destinada integramente a apoiar a xeración de coñecemento relacionado coa actual pandemia e os seus efectos.
Os proxectos poderán ter unha duración máxima de dous anos, e poderán optar a estas axudas grupos de investigación de universidades e centros de investigación públicos ou privados, así como de empresas e outras organizacións.
As áreas obxecto desta convocatoria son:
- Biomedicina
- Big Data e Intelixencia Artificial
- Ecoloxía e Veterinaria
- Economía e Ciencias Sociais
- Humanidades