Acción Matemática contra a COVID confirma que o incremento das restriccións reduciu a transmisión do virus nun 22% á semana
17/04/2023 – CITIC
- O estudo, no que participan o persoal investigador do CITIC da UDC Ricardo Cao e Inés Barbeito, recompila información sobre todas as medidas de restrición impostas entre setembro de 2020 e a fin do estado de alarma, en maio do 2021
- A publicación científica en Frontiers in Public Health recolle os resultados da investigación realizada por este grupo do Comité Español de Matemáticas que, en colaboración co Instituto de Salud Carlos III e o Ministerio de Sanidad, realizou un estudo profundo sobre o impacto das medidas non farmacéuticas
As restricións impostas para o control da pandemia da COVID-19 asociáronse a unha redución importante na transmisión do coronavirus en España, estimando que ao incrementar un 34% a intensidade das medidas reduciuse a transmisión nun 22% á semana. Así se conclúe no estudo publicado pola revista Frontiers in Public Health sobre a “Eficacia de intervencións non farmacéuticas en nove campos de actividade para diminuír a transmisión do SARS-CoV-2”: https://www.frontiersin.org/articles/10.3389/fpubh.2023.1061331/full .
Os resultados sinalan que as medidas adoptadas en materia de distanciamento social e restauración son especialmente eficaces, sobre todo en interiores, mentres que o efecto é menos evidente para outras, como as que afectan ao lecer e á cultura, aos lugares de culto, ás celebracións relixiosas ou á práctica deportiva en interiores. Non obstante, o estudo subliña que o efecto obtido das medidas aplicadas nalgúns ámbitos fronte a outros debe interpretarse con cautela porque estas medidas foron tomadas xeralmente de forma simultánea.
A investigación conta coa participación dos investigadores do CITIC da UDC Ricardo Cao e Inés Barbeito que xunto con científicos do Instituto de Salud Carlos III, os Ministerios de Sanidad e Economía, as universidades da Coruña, Cádiz e a Complutense de Madrid, recolleu e analizou información sobre as medidas de restrición impostas en España desde o inicio da segunda onda da COVID (setembro de 2020) ata o final do estado de alarma (maio 2021).
Todo iso realizouse baixo o paraugas do comité de expertos de Acción Matemática contra o Coronavirus do Comité Español de Matemáticas (CEMat), unha iniciativa creada para atopar solucións ante a crise sanitaria da COVID-19, achegando conclusións e recomendacións desde o ámbito das matemáticas. Precisamente, Ricardo Cao foi un dos investigadores que liderou esta iniciativa, froito de cuxa colaboración se subministraron previsións de demanda de recursos hospitalarios de gran utilidade para a xestión sanitaria nos momentos máis críticos e realizouse un estudo profundo sobre o impacto das medidas non farmacéuticas, cuxas conclusións se recollen agora na citada publicación científica.
Medir intensidade e ámbito
Os investigadores analizaron a intensidade das medidas, incluíndo datos a nivel provincial e municipal, de forma que crearon un índice de restrición que representase entre 0 e 1 a intensidade día a día nos diferentes ámbitos e cada unha das provincias. Os resultados obtidos apuntaron como especialmente efectivas as medidas tomadas en distancia social e restauración, sobre todo, en interiores.
Ademais, o equipo puxo toda a información recollida na web: https://npispain.org/, para estimular e facilitar a investigación dos efectos das medidas de restrición e poder ter maior coñecemento sobre o seu impacto, algo fundamental para enfrontar futuras situacións similares.
A iniciativa
A colaboración entre o Comité Español de Matemáticas, o Instituto de Salud Carlos III e o Ministerio de Sanidad xurdiu tras o ofrecemento por parte da comunidade matemática ás autoridades sanitarias nos momentos máis críticos da pandemia para poñer a súa disposición, de forma completamente desinteresada, as potentes ferramentas de simulación e análise de datos actualmente existentes e a capacidade de análise e modelización dos grupos de investigación en Matemáticas para avanzar na comprensión da COVID-19.
Para a comunidade matemática, representada polo Comité Español de Matemáticas, a experiencia foi moi positiva. Espérase que teña unha proxección en futuras colaboracións e na sensibilización do persoal investigador en Ciencias da Saúde sobre o enorme potencial que teñen as Matemáticas para avanzar na comprensión de fenómenos complexos que constitúen algúns dos principais desafíos da investigación en materia de saúde.