CITIC

Alejandro Pazos participa en xornada nacional sobre Medicina Personalizada de Precisión no Congreso dos Deputados

08/05/2025 - CITIC

A Coruña, 7 de maio de 2025. O investigador do CITIC da UDC Alejandro Pazos participou na xornada “Medicina Personalizada de Precisión: diálogo entre políticos e científicos”, celebrada esta semana na Sala Sagasta do Congreso dos Deputados en Madrid e organizada pola Fundación Instituto Roche. O evento reuniu a destacadas figuras do ámbito científico e político co obxectivo de impulsar unha estratexia nacional que garanta a implementación equitativa e eficiente da Medicina Personalizada de Precisión no sistema sanitario español.

Durante a xornada abordáronse aspectos críticos como a interoperabilidade dos sistemas de información, a coordinación interterritorial, a equidade no acceso á innovación e a formación continua do persoal sanitario. Neste contexto, púxose de relevo a importancia de contar con perfís profesionais especializados en informática médica e ciencia de datos, áreas nas que o CITIC desenvolve unha intensa actividade investigadora.

A xornada concluíu cun consenso xeneralizado entre os representantes parlamentarios sobre a necesidade dunha folla de roteiro compartido, que garanta a implantación da medicina personalizada de precisión en todas as comunidades autónomas e sitúe a España á vangarda en innovación en saúde.

Na imaxe tomada fronte á porta do Congreso, de esquerda a dereita, aparecen Víctor Maojo, Alejandro Pazos, Ángel Carracedo (director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e coordinador do Grupo de Medicina Xenómica da USC), Carmen Ayuso (xefa do Departamento de Xenética do Hospital Fundación Jiménez Díaz – UAM) e Enrique de Áraba (xefe do Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital Universitario Virxe do Rocío do SAS), todos eles participantes na xornada.