CITIC
Visita Liceo

Alumnado de bacharelato do Liceo A Paz coñece o CITIC

17/11/2022 – CITIC

Este mércores 16 de novembro, o CITIC recibiu a visita dun grupo de nove estudantes e dúas profesoras de bacharelato do CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña, para coñecer a actividade do centro no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.

A visita empezou cunha presentación do CITIC por parte do responsable de Sistemas do centro, Alejandro Mosteiro. Posteriormente, acudiron ao CPD (Centro de Procesado de Datos) para coñecer en detalle o seu funcionamento. Continuaron co novo laboratorio de Realidade Virtual e Localización, no que se poderán desenvolver proxectos singulares relacionados co ámbito da localización en interiores, utilizando para iso unha grúa de ponte construída especificamente. Neste laboratorio realizouse unha demostración do Optitrack, un sistema de captura de movemento baseado en cámaras, e presentouse o equipo de realidade virtual e realidade aumentada, con equipamento que permite a marcha sen desprazamento para simular camiñar por escenarios virtuais.

A continuación, os/as estudantes acudiron ao laboratorio de Impresión 3D, onde o responsable de Sistemas explicou as diferentes tecnoloxías de fabricación aditiva coas que conta o centro; puideron ver en marcha a impresora de extrusión de filamento e aprenderon como funciona a impresión SLS (sinterización selectiva por láser) e o postprocesado a través da estación de recuperación de polvo, que permite a reutilización do material de impresión.

A visita finalizou no Demostrador Tecnolóxico para probar algunhas das contornas de realidade virtual desenvolvidos no centro no ámbito da tecnoloxía aplicada á saúde. Tamén tiveron a oportunidade de interactuar con varias propostas comerciais orientadas ao lecer.