CITIC

Alumnado de STEMBach da UDC coñece o CITIC

17/04/2024 - CITIC

O mércores 17, un grupo de alumnas e alumnos de STEMbach da Universidade da Coruña visitaron as instalacións do CITIC. Esta modalidade de bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía está pensada tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias. Promove a vocación do alumnado para a investigación científica e conecta directamente a estudantes co ensino universitario.  

A visita comezou na Sala Cloud, onde se fixo unha breve introdución sobre o CITIC e mostróuselles o vídeo de presentación. Unha vez no Demostrador Tecnolóxico, coas lentes de realidade aumentada viron unha maqueta 3D do edificio do CITIC. Esta pódese ampliar, reducir ou mover libremente pola sala e sinala as diferentes salas e laboratorios do centro. O robot humanoide NAO, deseñado, entre outras funcións, como monitor de exercicio físico, realizou unha demostración de taichí.  

O museo dedicado á historia dos videoxogos foi a seguinte parada da visita. Alí puideron xogar ao Donkey Kong coa máquina arcade. Tras isto, pasaron ao Centro de Procesado de Datos (CPD), onde se explicou o funcionamento e curiosidades sobre o mesmo.  

Xa na Sala de Realidade Virtual, última parada das visitas escolares, puxeron en funcionamento o supermercado virtual, deseñado polo investigador Manuel Lagos, para axudar na rehabilitación física e cognitiva de persoas con algún tipo de mobilidade reducida.