O CITIC recibiu esta mañá ao alumnado do ciclo de Desenvolvemento de Aplicacións Web do Centro de Formación Profesional Afundación.
O subdirector do centro, Javier Pereira, empezou a visita explicando as liñas de investigación levadas a cabo no CITIC, así como o perfil do persoal investigador que pertence ao centro.
No Demostrador Tecnolóxico, o alumnado puido probar as lentes de realidade aumentada; o Robobo, deseñado integramente por persoal investigador do CITIC, e o robot NAO. A visita continuou no Laboratorio de impresión 3D, no que o investigador Manuel Lagos explicou as características e funcionalidades das diferentes impresoras que hai no centro.
Unha vez na Sala de Realidade Virtual, os participantes probaron o supermercado virtual, proxecto desenvolvido para favorecer a rehabilitación de persoas con discapacidade mediante o uso de escenarios que permiten a realización de diversas actividades da vida cotiá. Ademais, coñeceron como funciona o sistema OptiTrack.