CITIC
Sala Cloud

Alumnado do Grao en Intelixencia Artificial da UDC coñece o CITIC

01/03/2023 – CITIC

Esta mañá visitaron o CITIC un grupo de 30 alumnos e alumnas de primeiro curso do Grao en Intelixencia Artificial da UDC, acompañados pola súa profesora e membro do Comité de Dirección do CITIC Adriana Dapena.

O alumnado foi recibido polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, quen realizou unha breve presentación do centro e faloulles das principais liñas de investigación.

A continuación, o grupo visitou o Demostrador Tecnolóxico no que se mostraron diferentes proxectos do ámbito da Intelixencia Artificial como robots, dispensadores autónomos de medicamentos en plantas de UCI e drons. Tamén puideron coñecer o funcionamento dun casco de electroencefalografía para o estudo da actividade cerebral desenvolto por Adriana Dapena e o seu equipo investigador.

Posteriormente, visitaron o Centro de Proceso de Datos e o laboratorio de Realidade Virtual. Neste último, o investigador Manuel Lagos realizou unha demostración da plataforma Virtuix Omni Prol que permite desprazarse de forma ilimitada nunha contorna de realidade virtual e emprégase no CITIC para a práctica de habilidades físicas e cognitivas en persoas con discapacidade.