CITIC

Alumnado do Grao en Intelixencia artificial visita o CITIC

13/03/2024 - CITIC

Durante a mañá do mércores, alumnas e alumnos do Grao en Intelixencia artificial da Universidade da Coruña visitaron o CITIC.   

O grupo comezou a súa visita no Demostrador Tecnolóxico xunto a Adriana Dapena Janeiro, investigadora do CITIC, Catedrática de universidade e docente do Grao en IA. Na sala puideron probar as lentes de realidade aumentada e realidade virtual, así como o robot NAO, un humanoide programable que conta con recoñecemento facial e de voz. 

Tras as probas no Demostrador, a visita continuou no laboratorio de Realidade Virtual, onde coñeceron o sistema OptiTrack. Este sistema captura e rexistra os movementos dunha persoa ou obxecto nos eixos X, Y e Z mediante o seguimento de marcadores. O centro conta con oito cámaras calibradas de captura de movemento.   

Despois, os voluntarios probaron o supermercado virtual desenvolvido polo investigador Manuel Lagos co obxectivo de axudar na rehabilitación de persoas con discapacidade.