24/11/2021 – CITIC
Este martes, 23 de outubro, recibimos no CITIC a visita de 5 alumnos de 1º de bacharelato que participan no programa STEMBach da Xunta de Galicia. Nesta ocasión, o investigador do CITIC Carlos Fernández Lozano ofreceu unha charla sobre a súa liña de investigación nas TIC aplicadas ao ámbito da saúde e, en concreto, da páxina web para a monitoraxe da COVID-19 que puxo en marcha durante o confinamento coa finalidade de predicir a evolución da enfermidade. O investigador faloulles aos alumnos das dificultades que foron xurdindo no desenvolvemento do proxecto e da inesperada proxección que obtivo ao ser a única páxina web en España con estas características.
Posteriormente, coñeceron as instalacións do CITIC e o seu Demostrador Tecnolóxico, onde puideron probar desenvolvementos realizados no centro nos ámbitos da robótica, a realidade virtual e a realidade aumentada.
Este é o peche dun ciclo de actividades divulgativas realizadas polo CITIC no IES Miraflores de Oleiros. Durante os meses de outubro e novembro, os investigadores Susana Ladra, José Antonio Iglesias Guitián e Ainhoa Molinero ofreceron charlas aos alumnos de 1º de bacharelato STEMBach nas que achegaron a súa experiencia e traxectoria no ámbito das TIC.