Amparo Alonso analiza a Estratexia Española de IA nun seminario sobre ética que reuniu en Santiago a máis de 200 persoas
A investigadora do CITIC da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, participou o pasado 7 de novembro nun seminario sobre ética e intelixencia artificial que reuniu en Santiago a máis de duascentas persoas empresarias, directivas, expertas e profesionais do ámbito académico e científico. A catedrática da UDC analizou a Estratexia Española de IA nunha ponencia na que se abordaron cuestións relacionadas coa gobernanza, o coñecemento, a educación e os valores.
Amparo Alonso compartiu mesa de debate co director do CiTIUS, Senén Barro; Teresa Rodríguez de las Heras, integrante do grupo de expertos en IA da Comisión Europea; e Ulises Cortés, profesor do Barcelona Supercomputing Center e especialista en intelixencia artificial. Todos eles coincidiron na necesidade de impulsar unha intelixencia artificial centrada nas persoas, capaz de equilibrar a innovación tecnolóxica coa responsabilidade ética e social.
Desde distintas perspectivas —a investigación e o desenvolvemento científico, a estratexia nacional, a regulación xurídica e a formación en valores—, os poñentes subliñaron que o futuro da IA pasa por unha gobernanza sólida, unha educación que fomente o pensamento crítico e unha cooperación entre a ciencia, o dereito e a cidadanía, co obxectivo de garantir un progreso verdadeiramente humano e sustentable.
Máis de duascentas persoas reuníronse o pasado 7 de novembro na Hospedería de San Martín Pinario, en Santiago de Compostela, para debater e dialogar sobre “Ética e IA: ¿Cambia ou transcende á persoa?”. O encontro, promovido polo Arcebispado de Santiago de Compostela, centrouse no impacto das novas tecnoloxías dende unha perspectiva que pon o foco nos desafíos éticos e humanos que presenta a intelixencia artificial na sociedade contemporánea.