Amparo Alonso ingresa na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais
A investigadora do CITIC e catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia artificial da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, ingresou este pasado 6 de marzo oficialmente na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais (RAC).
“IA verde e responsable” foi o tema elixido pola investigadora no acto de investidura como académica correspondente. Nas súas palabras, destacou a influencia da intelixencia artificial (IA) na sociedade contemporánea, comparándoa coa revolución que supuxo a electricidade no seu momento. Subliñou que a IA está a transformar a maneira en que as persoas se relacionan, mencionando exemplos cotiáns como o uso de caixas automáticas en lugar de interactuar con persoas durante as compras. Amparo Alonso destacou a importancia de recoñecer que a intelixencia artificial é simplemente unha ferramenta e subliñou a responsabilidade da sociedade no seu correcto uso.
Un dos aspectos que destacou a investigadora do CITIC durante a súa intervención foi o panorama xeopolítico actual no desenvolvemento da IA. China encabeza o investimento neste campo, seguida dos Estados Unidos, que alberga ás principais empresas do sector. En contraste, Europa, situada en terceiro lugar, mostra unha maior preocupación por unha intelixencia artificial ao servizo da cidadanía e avoga pola súa regulación.
A cerimonia de ingreso contou coa presenza de distinguidas personalidades, entre elas Asunción Gómez-Pérez, Vicerreitora de Investigación da Universidade Politécnica de Madrid e académica da Real Academia da Lingua (RAE), así como Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña.
Amparo Alonso uniuse á sección de ciencias exactas da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, sendo proposta polos académicos Enrique Castillo, José Bonet e José Duato. A súa incorporación destaca a súa relevancia e contribución ao campo da intelixencia artificial e o seu compromiso cun desenvolvemento sostible e responsable desta tecnoloxía.