CITIC

Amparo Alonso participa na xornada "Día Internacional das Nenas nas TIC” organizada polo CESGA

20/04/2020

O próximo 23 de abril conmemórase o Día Internacional das Nenas nas TIC, co obxectivo de incentivar ás novas xeracións de nenas a que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico. O CESGA celebra a oitava edición cun formato diferente aos anteriores: a través dunha multiconferencia web dirixida a escolares dos últimos niveis de primaria e ao ensino secundario, da man de catro mulleres galegas destacadas neste ámbito, entre as que se atopa a investigadora do CITIC, catedrática de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, Amparo Alonso.

As catro relatoras achegarán a súa visión sobre o que a tecnoloxía aporta en múltiples campos para mellorar a sociedade, ademais de compartir a súa experiencia. Xunto con Amparo Alonso, participarán a enxeñeira en Telecomunicacións da Universidade de Vigo e investigadora de AtlanTTIC, Isabel Expósito Pérez; a artista dixital da industria dos videoxogos, María Fernández Hermida; e a arqueóloga, coordinadora de proxectos en DIMENSO e profesora no CSIC, Patricia Mañana Borrazás.

Os interesados en participar no coloquio deberán enviar un correo a e-learning@cesga.es indicando o curso, centro educativo e localidade á que pertencen.

Máis información