Ángel López Oriona, investigador do CITIC, incorpórase ao grupo de investigación en Environmental Statistics da King Abdullah University of Science and Technology (KAUST)
Tras a defensa da súa tese doutoral, titulada “New Methodological Contributions in Statistical Learning for Time Series”, o investigador do CITIC Ángel López Oriona foi contratado para incorporarse de forma inmediata a un grupo de investigación na King Abdullah University of Science and Technology (KAUST) de Arabia Saudita.
O campo de investigación de Oriona é o clustering de series temporais, unha área de estudo que combina Matemáticas, Estatística e Intelixencia Artificial para identificar patróns comúns dentro de grandes cantidades de datos. A súa contribución académica a este campo foi recoñecida en 2022 na 17th Conference of the International Federation of Classification Societies (IFCS 2022), polo seu traballo “Unsupervised classification of categorical time series through innovative distances”, desenvolvido xunto co investigador do CITIC José Antonio Vilar e o profesor da Universidade de Roma La Sapienza, Pierpaolo D’Urso.
Recentemente, o proxecto desenvolvido para a súa tese, supervisada por José Antonio Vilar e defendida o pasado 19 de xullo, chamou a atención da KAUST, prestixiosa institución árabe dedicada á investigación científica e tecnolóxica, que solicitou a incorporación inmediata de Oriona ao grupo de investigación en Environmental Statistics. Segundo apunta a universidade saudita, no proceso de selección valorouse moi positivamente a traxectoria de Oriona nun centro do prestixio do CITIC, con investigadores de tan alto nivel. “Isto foi, sen dúbida, un punto crave para a miña contratación”, considera o investigador.
“Entre os proxectos para desenvolver, abordaranse certos retos de investigación propostos polo goberno saudita. Por exemplo, a análise estatística dos efectos do cambio climático na flora e a fauna do país, ou o desenvolvemento de algoritmos orientados á mellora da eficiencia enerxética en distintas cidades sauditas”, explica Oriona.