CITIC
Visita ASPRONAGA_1

ASPRONAGA visita o CITIC para probar desenvolvementos de realidade virtual

29/04/2022 – CITIC

Este xoves 28 de abril, cinco alumnos e dous profesores da CEE Nuestra Señora de Lourdes, centro pertencente a ASPRONAGA, visitaron o CITIC para coñecer o traballo desenvolvido no centro no ámbito da tecnoloxía aplicada á saúde.

A visita comezou cunha presentación do centro por parte do subdirector Javier Pereira para, a continuación, acudir ao Demostrador Tecnolóxico xunto co investigador Manuel Lagos para probar diferentes desenvolvementos de realidade virtual creados por persoal investigador do CITIC, ademais de diversas propostas comerciais deportivas e de lecer.

Esta visita tivo a finalidade de recoller as opinións e suxestións tanto do alumnado como do profesorado para mellorar os desenvolvementos actuais e para traballar na implementación de novas contornas de realidade virtual.

As aplicacións seleccionadas permitiron aos participantes ter un primeiro contacto coa experiencia de realidade virtual e traballar diferentes habilidades físicas e cognitivas dun modo ameno, motivador e seguro. Ademais, probaron unha tecnoloxía pouco estendida no ámbito comercial da realidade virtual: o dispositivo Leap Motion, que permite interactuar cos escenarios de realidade virtual directamente coas mans, sen necesidade de mandos.