CITIC

Borja Adsuara inaugura no CITIC o ciclo HumanIA, no que analiza como se debe regular a IA

25/09/2023 - CITIC

O experto en Dereito Dixital, Borja Adsuara Varela, será o encargado de abrir o ciclo HumanaIA UDC:  O desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia Artificial, uns talleres organizados pola Facultade de Humanidades e o Consello Social da Universidade da Coruña, en colaboración co CITIC, para mostrar o impacto e potencial da Intelixencia Artificial nos estudos e traballos relacionados coas Humanidades.

O primeiro destes talleres está centrado na regulación da Intelixencia Artificial e será impartido por Borja Adsuara, quen baixo o título “Como se debe regular a Intelixencia Artificial?”, profundará nos aspectos xurídicos a ter en conta como son o dereito á propiedade intelectual, dereitos de imaxe, usos de alto risco e usos prohibidos, entre outros.

A Intelixencia Artificial está a transformar a forma en que operamos e debemos adaptar o noso sistema de principios e normas en base a esta innovadora tecnoloxía, o que supón novos retos e oportunidades para os profesionais das ciencias sociais, o dereito e a arte -aos que se dirixe esta actividade- na que tamén se abordarán as saídas laborais relacionadas cos aspectos legais, normativos e éticos que supón o uso da IA.

IA e mercado laboral

O segundo taller terá lugar no CITIC o próximo 9 de novembro e será impartido por Paul Van Branteghem, experto en Intelixencia Artificial e cofundador de Spain-IA. Esta segunda xornada tratará sobre “Chat GPT e outras aplicacións: casos de uso no mercado laboral” e mostrará aos asistentes como se pode aplicar a IA nas diferentes profesións a través de exemplos reais e as ferramentas máis utilizadas. Así mesmo, permitiralles coñecer cal é o impacto real no mercado laboral.

Podes reservar a túa praza para o día 9 de novembro a través da seguinte ligazón: Taller formativo- ‘Chat GPT y otras aplicaciones: casos de uso en el mercado laboral’- HumanIA UDC