Carlos Gómez, Premio Nacional de Investigación para Jóvenes 2022
06/10/2022 – CITIC
- O Ministerio de Ciencia e Innovación creou esta categoría para recoñecer “a investigadores/as que alcanzaron logros relevantes nas primeiras etapas das súas carreiras”
- O investigador do CITIC foi un dos dous galegos galardoados, destacándose “a súa orixinalidade e o impacto das súas achegas ao desenvolvemento de algoritmos que incorporan a linguaxe natural a contornas dixitais propios da intelixencia artificial”
O Ministerio de Ciencia e Innovación concedeu os Premios Nacionais de Investigación 2022, que este ano distinguen por primeira vez o mérito de persoal investigador de España que alcanzou logros relevantes nas primeiras etapas das súas carreiras. Entre eles, atópase o investigador do CITIC Carlos Gómez, a quen se lle concedeu o Premio Nacional de Investigación para Mozos María Andresa Casamayor na área de matemáticas e tecnoloxías da información e as comunicacións. Carlos Gómez foi recoñecido “pola orixinalidade e o impacto das súas achegas ao desenvolvemento de algoritmos que incorporan a linguaxe natural a contornas dixitais propios da intelixencia artificial”, segundo se recolle no comunicado feito público polo Ministerio de Ciencia e Innovación este xoves 6 de outubro.
Os Premios Nacionais de Investigación para Mozos contan con dez modalidades que teñen o nome de investigadoras ilustres de España, sobresalientes nas súas respectivas áreas de coñecemento. Ademais de Carlos Gómez, distinguiuse o talento novo doutros nove investigadores, entre eles a galega Belén Riveiro Rodríguez, da Universidade de Vigo, que foi premiada pola combinación de diferentes disciplinas para dar solución a retos actuais da enxeñería estrutural. Gómez e Rivero foron os dous únicos galegos que recibiron este prestixioso recoñecemento que conta cunha dotación de 30.000 euros para cada modalidade.
ERC
O Premio Nacional de Investigación para Mozos súmase á recente selección do “Efficient Syntactic Analysis for Large-scale Sentiment Analysis” (SALSA), dirixido por Carlos Gómez, por parte do Consello Europeo de Investigación (ERC) na súa última convocatoria e que está financiado con 150.000 euros na categoría de “Proba de Concepto”.
O obxectivo de SALSA é, en palabras de Gómez, “democratizar a análise de datos de internet e as redes sociais e transformalos en coñecemento para os tomadores de decisións” usando modelos e algoritmos de análises sintácticas desenvolvidas no proxecto ERC Starting Grant FASTPARSE.