CITIC

Catorce investigadoras do CITIC, entre as máis destacadas no ranking do CSIC

14/05/2026 - CITIC
  • O centro da UDC consolida a súa presenza en indicadores de impacto científico e visibilidade internacional no ámbito das TIC.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC) conta con 14 investigadoras incluídas no “Ranking de Mujeres Investigadoras Españolas y en España”, elaborado polo Laboratorio de Cibermetría do Instituto de Políticas e Bens Públicos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

A clasificación reúne máis de 12.000 perfís de Google Scholar e doutras plataformas como ORCID e OpenAlex, e baséase en indicadores de impacto científico como o índice h e o número de citas. O obxectivo é dar visibilidade ao labor das mulleres investigadoras a través de datos abertos e accesibles, en liña cos principios da Ciencia Aberta (Open Science).

Entre as investigadoras do CITIC destacan perfís cunha elevada proxección científica internacional. No ranking aparecen, entre outras, Paula Fraga Lamas, Amparo Alonso Betanzos e Verónica Bolón Canedo, referentes no ámbito da intelixencia artificial e a ciencia de datos.Tamén figuran investigadoras como Nieves Rodríguez Brisaboa no ámbito das bases de datos; Margarita Alonso Ramos , en lingüística e tecnoloxías da linguaxe; Berta Guijarro Berdiñas, Noelia Sánchez Maroño, en intelixencia artificial; Lara Pallas Quintela; Susana Ladra González, en ciencia de datos; Noelia Barreira Rodríguez, en IA; Elena María Hernández Pereira, tamén en intelixencia artificial, e María José Lombardía Cortiña, en estatística.

En conxunto, estas investigadoras reflicten a diversidade temática do CITIC, con presenza en áreas como intelixencia artificial, computación, visión artificial, matemáticas, lingüística computacional ou optimización.

Máis de cen na UDC

A UDC suma un total de 102 investigadoras neste ranking, entre máis de 450 institucións nacionais e internacionais, o que consolida o seu papel na investigación feminina de alto impacto. Ademais, oito investigadoras da universidade sitúanse entre as 1.000 primeiras posicións.

O ranking, promovido polo CSIC, pon en valor a actividade investigadora feminina mediante o uso de infraestruturas abertas e sistemas de identificación como ORCID ou ROR, impulsando a transparencia e a visibilidade do coñecemento científico.