CITIC

CIM e CITIC únense para estudar a contaminación luminosa nas rías de Vigo e Pontevedra

20/07/2023 - CITIC

·         O proxecto instalará sensores luminosos no pantalán da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) e na batea sensorizada do CIM na Ría de Aldán

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) estableceron unha colaboración estratéxica para levar a cabo un estudo sobre a contaminación luminosa nas rías de Vigo e Pontevedra. Ambas institucións, pertencentes á Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS), únense co obxectivo de avaliar o impacto da luz nocturna na produtividade biolóxica destes importantes ecosistemas. Trátase dun novo exemplo de creación de sinerxías dentro da rede fomentada pola Xunta de Galicia, que está orientada ao fortalecemento da investigación de excelencia no ámbito nacional e internacional e da que só forman parte oito centros de investigación galegos.

A contaminación luminosa, un problema en crecemento nos últimos anos, non só impide gozar do ceo estrelado, senón que tamén afecta a numerosas especies nocturnas e pode ter consecuencias prexudiciais para a saúde humana. Neste contexto, o proxecto Gaia4Sustainability, coordinado polo CITIC da Universidade da Coruña e a Universitat de Barcelona, desenvolveu un modelo de brillo nocturno baseado nos datos do satélite Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA). Ademais, crearon un fotómetro de baixo custo, chamado FreeDSM, para medir a contaminación luminosa de maneira estandarizada e accesible para a cidadanía.

A participación do CIM neste proxecto permitirá incluír medidas de contaminación luminosa na monitorización continua que se realiza das condicións físicas e químicas nas Rías Galegas. Para iso, instalarán unha unidade de FreeDSM na plataforma de experimentación e observación mariña da Ría de Aldán e outra no pantalán da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) do CIM, ambos lugares representativos da intensa actividade pesqueira na zona. O obxectivo é medir o grao de contaminación luminosa e avaliar a súa posible influencia na produción biolóxica.

O uso do modelo de brillo nocturno baseado nos datos de Gaia, combinado coas medicións precisas da contaminación luminosa mediante FreeDSM, permitirá obter unha avaliación máis completa e precisa do impacto da luz artificial nos ecosistemas. Esta información será fundamental para tomar medidas axeitadas que reduzan a contaminación luminosa e promovan sistemas de iluminación máis efectivos, respectuosos co medio ambiente e seguros para a saúde humana.

O director do CIM, Daniel Rey, indicou que “este tipo de sinerxías de traballo entre centros de investigación da Rede CIGUS son de gran importancia para, non só abrir novas liñas de estudo vinculadas con necesidades actuais da sociedade, senón tamén para evidenciar a calidade da investigación que se realiza na nosa comunidade”. Igualmente, subliñou que “para a conservación dos ecosistemas mariños e, como non, o benestar da comunidade local, é imprescindible monitorizar a afección que supón unha cuestión tan de actualidade como a contaminación luminosa. Unha vez a comprendamos poderemos mitigala e, para iso, todo o persoal investigador implicado no proxecto, Ana Ulla e Daniel Rey por parte da Universidade de Vigo e do CIM; e Carlos Dafonte e Minia Manteiga do CITIC da UDC, ofrecerán cadansúa visión desde diferentes áreas de estudo para, entre todos, analizar a realidade na que se atopan a día de hoxe as nosas rías”.

Daniel Rey insistiu en que “as infraestruturas investigación de última xeración do CIM demostran que son de grande utilidade para multitude de estudos. De aí a importancia de continuar cos investimentos na súa mellora e ampliación para que as súas capacidades sexan cada vez maiores e manter así a posición do CIM como referente na investigación mariña a nivel nacional e internacional”.

Pola súa banda, o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, destacou que “este proxecto supón outro avance más na transferencia de coñecemento á sociedade desde o CITIC da UDC. Neste caso, ponse de manifesto a utilidade de determinadas solucións tecnolóxicas (un fotómetro) na industria do mar (produción de mexillón) no contexto de contaminación luminosa e, en definitiva, do desenvolvemento sostible”.

Ademais, Manuel González Penedo remarcou que esta iniciativa destaca pola súa versatilidade e aproveitamento de recursos, algoritmos, datos e outras investigacións dun programa como o de GAIA (de investigación espacial) para a investigación mariña máis innovadora”.

Respecto da colaboración co CIM, director do CITIC mostrouse moi satisfeito porque “podemos fusionar talento e coñecemento con centros e universidades de referencia, sumando valor en proxectos de longo percorrido e por poñer o noso traballo ao servizo da sociedade demostrando, unha vez máis, a nosa capacidade de resposta ás súas necesidades”. “Proxectos coma este subliñan a importancia estratéxica de conectar centros de investigación como o CITIC e o CIM co tecido produtivo e social, unha conexión que debe ser impulsada desde as administracións como transmisor dos recursos públicos en beneficio de todos”, engadiu.

Gaia4Sustainability

O proxecto Gaia4Sustainability ten como obxectivo fomentar a participación cidadá na recompilación de datos sobre a contaminación luminosa. O dispositivo FreeDSM, de fácil fabricación e baixo custo, estará dispoñible para institucións educativas, administracións públicas, empresas de astro-turismo e cidadáns interesados en contribuír á ciencia cidadá. Esta iniciativa busca concienciar á poboación sobre o problema da contaminación luminosa e promover un cambio de actitude cara a unha iluminación máis responsable.