CITIC
GAIA web

"CITIC. Cidade das TIC": A imaxe da UDC na futura ciudade da tecnoloxía

16/11/2021 – CITIC

O concurso de ideas para o deseño do novo edificio CITIC resólvese co triunfo de “GAIA0101”, que propón un fito arquitectónico de beleza cúbica e alta sustentabilidade integrando cidade e natureza.

O xurado do concurso de ideas para o deseño do novo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) ven de escoller por unanimidade os gañadores do certame que definirá a imaxe da Universidade da Coruña na futura Cidade das TIC. Entre preto dunha vintena de propostas de gran calidade, o primeiro premio foi para o proxecto de GAIA0101, un fito de beleza cúbica e alta funcionalidade que prioriza a sustentabilidade e integra arquitectura, cidade e natureza. O segundo lugar ocúpao o deseño de impacto ambiental mínimo presentado por TICA0021 e o terceiro a impoñente proposta de FITO2022; o traballo de CTIC2030 foi merecedor dun accésit.

Atrios en altura

O equipo gañador do primeiro premio, dotado con 20.000 euros, está integrado por Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri, Enrique Blanco, Patricia Sabín e Joaquín Martín. GAIA0101 presenta o “CITIC. Cidade das TIC” como un espazo multiuso colectivo de transferencia do coñecemento, foro, espazo de bancada que posa o edificio no lugar e que cose a paisaxe ás dúas cotas que presenta a parcela, activando e incorporando a natureza á arquitectura.

Os espazos comúns funcionan como un atrio; a árbore de circulacións expándese en vertical e integra os fluxos de aire climatizado de xeito natural, abríndose atrios en altura que conforman os espazos sociais, de roce entre investigadores, que inxiren o interior no parque que o circunda. Respondendo á unha organización social actualizada e contemporánea, o proxecto engade un espazo de conciliación en planta baixa, con acceso directo ao xardín, zona que pode usarse en todo momento e de modo absolutamente flexible.

Límites diluídos

O arquitecto Santiago Barge, en colaboración con Belén Bouza e Guillermo Lozano, acadaron os 10.000 € do segundo premio con TICA0021, unha intervención de impacto ambiental mínimo a través da superposición dunha trama abstracta, un elemento estrutural de madeira laminada que por repetición define todo o espazo e que é susceptible de aumentar en ambas direccións. O resultado é un edificio prefabricado que dilúe os límites, prolongando o interior cara ao exterior e aprehendendo a paisaxe circundante como propia.

FITO2022, de Alejandro Rodríguez, conseguiu o terceiro premio, de 7.000 euros, coa colaboración de María Mera e Martín Álvarez e unha proposta que buscaba converterse nun fito, un novo referente na paisaxe e unha marca única no complexo, aproveitando a posición privilexiada da parcela. A contorna ordenada e totalmente militar lévalles a propor un zócalo en planta baixa que absorba o desnivel e acompañe na entrada. Búscase inverter o xesto, ser barreira ao inicio e paso ao final, cun patio a modo de praza, lugar de encontro e extensión da paisaxe ao interior do edificio, esvaecendo os límites.

O xurado concedeu un accésit a CTIC2030, de Gustavo Figueira en colaboración con Diego Díaz e Javier Pombar, que presentaban un proxecto flexible de espazos diáfanos nun elemento altamente recoñecido na paisaxe.

Maquetas e exhibición

Resolto o concurso de ideas, ábrese agora o prazo para a entrega de maquetas, que de acordo ao cronograma do certame rematará o próximo 10 de decembro. Ademais, realizarase unha exhibición dos mellores traballos presentados na páxina web da UDC.

O “CITIC. Cidade das TIC” estará situado na área que se define como centro I+D+i e nodo de intelixencia artificial, un emprazamento estratéxico de posición elevada e moi visible desde o exterior, o que intensificará a súa condición de edificio de referencia dentro do complexo que se está proxectando na antiga Fábrica de Armas da Coruña. Os terreos foron cedidos á UDC polo Ministerio de Defensa co obxectivo de impulsar unha estratexia urbana para crear un polo TIC de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional. A futura cidade tecnolóxica conta co apoio explícito de todas as administracións para contribuír á especialización de Galicia en tecnoloxías emerxentes.

GAIA0101:

TICA0021:

FITO2022:

CTIC2030: