CITIC e Universidade de Granada propoñen mellorar a identificación de restos humanos mediante superposición craneofacial
A Coruña, 16 de xullo de 2024.- O CITIC da Universidade da Coruña e o Instituto DaSCI da Universidade de Granada, en colaboración coa empresa Panacea Cooperative Research, desenvolveron unha técnica innovadora para mellorar a identificación forense de restos humanos. O investigador do CITIC Óscar Panizo participa no desenvolvemento desta técnica, que se basea na superposición craneofacial e que analiza a correspondencia entre un cranio post mortem e fotografías faciais ante mortem.
A nova metodoloxía representa un avance significativo na toma de decisións obxectivas, permitindo cuantificar a probabilidade de que un cranio corresponda ás fotografías estudadas. Aínda que a superposición craneofacial é unha técnica crucial na identificación forense, a súa aplicación foi tradicionalmente complexa e subxectiva.
O estudo introduce un sistema de avaliación baseado nas razóns de verosimilitude (LRs, polas súas siglas en inglés), unha metodoloxía utilizada anteriormente noutros campos forenses como a análise de ADN, a identificación por voz e as impresións dixitais, e recomendada pola European Network of Forensic Science Institutes (ENFSI).
A investigación propón a aplicación pioneira deste enfoque na superposición craneofacial, mediante tres experimentos que adestran e proban o sistema en distintas condicións de imaxes faciais. O primeiro utiliza fotografías frontais, o segundo emprega fotografías laterais, e o terceiro integra ambas perspectivas.
Os resultados dos experimentos mostran que o sistema LR proposto ofrece unha excelente calibración e poder discriminatorio, proporcionando aos expertos forenses unha ferramenta cuantitativa para avaliar e integrar probas.
Referencia bibliográfica:
Práxedes Martínez-Moreno, Andrea Valsecchi, Pablo Mesejo, Óscar Ibañez, Sergio Damas. Evidence evaluation in craniofacial superimposition using likelihood cocientes. Information Fusion (2024). https://doi.org/10.1016/j.inffus.2024.102489