CITIC
Mesa redonda ERC (3)_

Conclúe no CITIC o programa “Prepara a túa candidatura para ERC”

21/10/2021 – CITIC

O programa “Prepara a túa candidatura para ERC”, organizado polo CITIC en colaboración con FEUGA, finalizou este mércores 20 de outubro coa celebración dunha mesa redonda na que un investigador e unha investigadora da UDC beneficiarios de proxectos da ERC achegaron a súa experiencia nas convocatorias.

O investigador do CITIC Carlos Gómez Rodríguez e a investigadora do CICA Elena Pazos explicaron aos asistentes, persoal de investigación e de xestión do CITIC e FEUGA, a súa experiencia persoal e procesos que seguiron para a preparación das propostas.

Carlos Gómez Rodríguez é doutor en Ciencias da Computación, investigador principal do proxecto FASTPARSE (Fast Natural Language Parsing for Large-Scale NLP), financiado por unha Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). Pola súa banda, Elena Pazos, doutora en Química Orgánica, incorporouse ao Departamento de Química da Facultade de Ciencias e ao CICA grazas ao Programa InTalent UDC-Inditex, e en 2019 obtivo unha bolsa Starting Grant para o proxecto Enxeñería supramolecular de nanoestructuras peptídicas de inspiración biolóxica – SENSE.

O programa “Prepara a túa candidatura para ERC” ten o fin de dar apoio ao persoal investigador en canto á presentación de candidaturas para convocatorias do European Research Council (ERC). O pasado 6 de outubro celebrouse un workshop co investigador do Laboratorio de Procesado de Imaxes da Universidade de Valencia Gustau Camps-Valls, que presentou USMILE – Understanding and Modelling the Earth System with Machine Learning, proxecto Synergy Grant. O 13 de outubro o ciclo continuou co investigador da Universidade Pompeu Fabra Gegely Neu, presentando o seu proxecto Starting Grant Provably Efficient Algorithms for Large-Scale Reinforcement Learning (ScaleR).