Concurso de ideas para o novo edificio da UDC "CITIC. Cidade das TIC"
29/09/2021 – CITIC
Hoxe lánzase a convocatoria do concurso de ideas de arquitectura para o novo edificio da UDC “CITIC. Cidade das TIC”, dirixido a arquitectos/as titulados/as e estudantes de Arquitectura.
A participación no concurso é gratuíta e as propostas pódense enviar ata o 10 de novembro de 2021.
O primeiro premio recibirá unha gratificación económica de 20.000 euros, o segundo de 10.000 euros, e o terceiro de 7.000 euros.
O novo edificio situarase na Cidade das TIC, situada nos terreos da antiga Fábrica de Armas de A Coruña. O edificio correspóndese con centro de I+D+i denominado Nodo de Intelixencia Artificial. Deberá ser un elemento arquitectónico relevante que asuma a representación da Universidade da Coruña e destaque no conxunto arquitectónico da Cidade das TIC. Deberá ser deseñado para unha superficie inicial de 6.500 m2 construídos, pero incorporará a posibilidade de crecemento ao dobre da súa superficie. Deberá deseñarse como unha construción que poida resistir as incidencias do tempo e o fácil mantemento. En todo momento deberase priorizar a condición sostible do edificio e a súa contorna.
Os/as interesados/as en participar no concurso poderán visitar a Cidade das TIC o próximo 14 de outubro ás 12:00 horas, para iso deberán presentar o seu DNI e inscribirse in situ previamente ao inicio do percorrido.
Anexos:
Planta:
Alzado:
Topografía:
Primeiro premio GAIA0101:
Arquitectura, cidade e natureza. O proxecto crea un espazo multiuso colectivo de transferencia do coñecemento, o foro, espazo de grada que posa o edificio no lugar, e que cose a paisaxe ás dúas cotas que presenta a parcela, activando e incorporando a natureza á arquitectura.
Os espazos comúns, de exposicións, etc., funcionan como un atrio, a árbore de circulacións expándese en vertical integrando os fluxos de aire climatizado de xeito natural, e ao que se abren os atrios en altura que conforman os espazos sociais, de roce entre investigadores, e que se abren inxerindo o interior no parque que o circunda.
Respondendo á organización social contemporánea, o proxecto engade ao programa un espazo de conciliación en planta baixa, con acceso directo ao xardín, espazo que pode ser usado en todo momento e de modo flexible.
Segundo premio TICA0021:
Terceiro premio FITO2022:
Accésit CTIC2030:
Preguntas e respostas
A definición de laboratorio para o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación é un espazo de traballo con diversas posibilidades de organización basicamente ligado a postos de traballo informatizados. No CITIC trabállase en cinco grandes áreas de investigación: intelixencia artificial, ciencia e enxeñaría de datos, computación de altas prestacións, servizos e redes intelixentes e ciberseguridade.
Estes grandes espazos apóianse nas salas de reunións onde se poñen en común os avances que se obteñen no traballo individual realizado.
Existen tamén laboratorios de desenvolvemento de produtos nos que se realizan investigación con obxectos físicos, xeralmente por parte de varios investigadores.
O funcionamento xeral do edificio consta dunha dirección; zona administrativa con 17 persoas, que xestiona o centro; as zonas de traballo privadas á que acceden unicamente os traballadores do centros, que inclúen estes grandes laboratorios, os despachos individuais e as salas de xuntas; e unha parte de acceso controlado para persoas alleas ao centro na que se atopan os laboratorios de desenvolvemento de produtos específicos, o show room e a sala de xuntas para 150 persoas.
Neste edificio é determinante a instalación de datos a efectos de tamaño e situación dos locais auxiliares.
Todo o aparcamento necesario para a Cidade das TIC estará resolto parte nunha parcela exterior ao recinto e parte centralizado dentro del. O edificio haberá de contar con acceso rodado cómodo para ser utilizado puntualmente.
Ambos os dous edificios permanecen na súa actual localización, pero o seu uso non afecta á finalidade do concurso.
O CONCURSO DE IDEAS, cos premios que establecen as bases, está a desenvolverse segundo o previsto (poden consultarse as bases e o cronograma publicado nesta web).