CITIC

CuidaconTIC, tecnoloxía para coidar a quen coida

08/11/2024 - CITIC
  • O CITIC da UDC acolleu a presentación do proxecto TechQoL4Carers, que procura mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras informais, persoas do ámbito familiar ou círculo próximo que se ocupan da poboación en situación de dependencia que vive nos seus domicilios.
  • A plataforma destaca pola integración de dispositivos wearables como reloxos intelixentes ou pulseiras de actividade, que permiten recoller datos de saúde de forma continua.

A Coruña, 8 de novembro de 2024.- O persoal investigador do CITIC presentou este 8 de novembro o proxecto TechQoL4Carers, unha innovadora iniciativa que ten como obxectivo desenvolver a solución tecnolóxica CuidaconTIC, que busca mellorar a calidade de vida, o impacto dos coidados, o equilibrio ocupacional, a autoxestión da saúde e o empoderamento das persoas coidadoras informais.

A plataforma CuidaconTIC destaca pola integración de dispositivos wearables que permiten recoller datos de saúde de forma continua. Estes dispositivos, como reloxos intelixentes e pulseiras de actividade, rexistran información detallada sobre a actividade física (pasos, distancia, tempo activo e calorías queimadas), o sono (tempo total, fase REM, sono lixeiro e profundo, e tempo esperto) e a frecuencia cardíaca (mínima, media e máxima diaria). Ademais, sincronízanse con aplicacións como Google Fit para facilitar a visualización e xestión dos datos de saúde. Esta plataforma permite un acceso inmediato aos datos, ofrece recomendacións personalizadas para mellorar a calidade de vida e promove a conciencia sobre a saúde ao propoñer obxectivos claros de actividade e descanso.

A xornada contou coa participación do director do CITIC, Manuel González Penedo, e Javier Pereira, subdirector; Pablo Martín Lancharro, subdirector de Atención Sociosanitaria e Innovación da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia; e de Juan Ignacio Borrego Vázquez, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica da Coruña; así como María Betania Groba González e Laura Nieto Riveiro, investigadoras principais do proxecto. Durante o acto presentáronse os resultados preliminares do proxecto, seguidos dunha demostración de uso da plataforma CuidaconTIC. Tamén tivo lugar unha mesa de experiencias, na que coidadoras informais e profesionais de entidades colaboradoras compartiron as súas vivencias e aprendizaxes derivadas do estudo piloto do proxecto.

“A implicación do CITIC na tecnoloxía inclusiva é un compromiso que vai máis alá da investigación tecnolóxica; está orientado a mellorar directamente a vida das persoas, especialmente aquelas que asumen roles fundamentais na sociedade, como son os coidadores informais. Desde o noso centro entendemos que a innovación tecnolóxica só pode considerarse plena se é accesible, útil e sostible para toda a sociedade” salientou Javier Pereira, subdirector do CITIC e coordinador do grupo de investigación que impulsou esta iniciativa.

Tecnoloxía inclusiva

O proxecto TechQoL4Carers está coordinado polo grupo de investigación TALIONIS en colaboración co grupo LIA[2], ambos pertencentes ao centro de investigación TIC da UDC, e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a UE a través dos fondos Next Generation. A iniciativa baséase nunha plataforma web interconectada cunha aplicación móbil e dispositivos wearables. Esta solución ofrece un conxunto de servizos personalizados que permitirán as persoas coidadoras informais recoller e monitorizar datos sobre a súa calidade de vida, equilibrio ocupacional, impacto dos coidados e saúde en xeral. As persoas coidadoras recibirán notificacións e suxestións baseadas nos seus datos, ademais de acceder a contidos de formación online que lles proporcionarán apoio nas súas tarefas de coidado e autocoidado.

As mulleres, principais coidadoras

En España, entre o 10,8 e o 23% da poboación asume un rol de coidado informal, dedicando, na maioría de casos, máis de 20 horas á semana a esta actividade. As mulleres representan a case un 90% das persoas coidadoras, especialmente entre os 45 e 64 anos. O impacto desta labor é significativo, presentando tanto aspectos positivos como negativos na vida destas persoas. A crise mundial provocada pola pandemia da COVID-19 acentuou a necesidade de responder con urxencia ao reto social dos coidados.

CuidaconTIC propón ser unha ferramenta clave neste contexto, ofrecendo recursos como un resumo diario de datos de saúde, visualización de información relacionada coa actividade física e o sono, un cuestionario semanal sobre o benestar e un sistema de asesoramento personalizado. Ademais, a integración de dispositivos wearables permitirá a recollida continua de datos de saúde, facilitando o seguimento da calidade de vida e promovendo un estilo de vida saudable.