CITIC

Dous grupos de investigación dirixidos por investigadores do CITIC, candidatos aos Premios Spin-Off PuntoGal

27/10/2020 – CITIC

Dous grupos de investigación da UDC dirixidos por investigadores do CITIC son candidatos á IV Edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, xunto a outros catro grupos vinculados a universidades galegas. Estes premios recoñecen a labor investigadora galega en diversos sectores como son o sanitario, a química biolóxica e a informática aplicada ao desenvolvemento de novos materiais.

Un dos grupos de investigación nomeados é o Laboratorio de Bases de Datos (LBD). Creado en 1996, está especializado na informática aplicada e a transferencia de datos, e é coordinado pola investigadora do CITIC Nieves Rodríguez Brisaboa.

O grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) é outro dos candidatos. O seu traballo baséase no campo do procesamento de imaxes e sistemas de intelixencia artificial. Dirixido por Manuel F. González Penedo, director do CITIC, centra a súa actividade no desenvolvemento de programas informáticos de telemedicina, buscando a mellora da atención e facilitando a colaboración entre profesionais da saúde, ademais de permitir o diagnóstico e seguimento a distancia.

O xurado dos Premios Spin-Off PuntoGal emitirá o fallo nas próximas semanas, despois de valorar aspectos coma a calidade dos proxectos, as innovacións obtidas, as publicacións realizadas ou a presenza relevante da muller nos grupos de traballo. A gala de entrega realizarase antes do final do presente ano nunha cidade por determinar, se a situación sanitaria actual o permite.