CITIC
Expedición Laponia

Dous prototipos do CITIC para medir contaminación lumínica poñeranse a proba no marco da expedición “Compromiso coa terra” que parte hoxe a Laponia

27/02/2023 – CITIC

Hoxe parte desde Mos (Pontevedra) con destino ao Lago Torneträsk de Laponia a cuarta expedición do proxecto “Compromiso coa terra”, capitaneada pola alpinista Chus Lago e que ten a finalidade de espertar a conciencia ambiental sobre o cambio climático. 

Durante a expedición, poñeranse a proba dous prototipos desenvolvidos no CITIC dotados de sensores de brillo de ceo nocturno que incorporan, ademáis, outros sensores auxiliares de temperatura e humidade baseados en tecnoloxías IoT. Os prototipos deseñáronse no marco do proxecto “Sensorización ubicua do brillo do ceo nocturno baseado en tecnoloxías da internet das cousas” (PDC2021‐121059‐C22) do Plan Estatal de I+D+i. O proxecto, dirixido por Carlos Dafonte Vázquez e Minia Mantegia e no que participa o investigador Daniel Boubeta Portela, céntrase no deseño e desenvolvemento duns fotómetros baseados en hardware e software libre con capacidades aumentadas de conectividade, almacenamento e procesado das medidas de brillo do ceo nocturno. No proxecto tamén se desenvolveu unha plataforma de comunicacións asociada para recompilar a información e posta ao dispor da comunidade científica. As condicións extremas de temperatura do Lago Torneträsk e a súa localización próxima ao Polo Norte convérteno nun lugar óptimo no que poñer a proba a resistencia e funcionamento dos sensores desenvolvidos no CITIC.

A expedición terá unha duración de aproximadamente 20 días e os seus membros circunvalarán o perímetro de aproximadamente 200 km do Lago Torneträsk en esquíes e arrastrando as zorras nos que levarán os seus equipos persoais. 

Daniel Boubeta con membros da expedición
Daniel Boubeta cos prototipos que se probarán en Laponia