CITIC
IMG_20220922_180103

Dous traballos do CITIC da UDC sobre Intelixencia Artificial aplicada ao desenvolvemento sostible, premiados polo Comité Español de Automática

27/09/2022 – CITIC

  • Os artigos do grupo dirixido por José Luis Calvo Rolle abordan o control intelixente na detección de anomalías para a fabricación de aero-xeradores, e novas aplicacións para o almacenamento de enerxía mediante hidróxeno, o gran aliado contra o cambio climático
  • Estes recoñecementos avalan a solidez da sustentabilidade como eixo estratéxico do CITIC en Intelixencia Artificial aplicada, liña na que destacan outros proxectos como o europeo “Smartees” sobre innovación social e eficiencia enerxética comunitaria, ou o convenio co Concello da Coruña que busca facer da herculina un modelo de ‘cidade verde’

O CITIC da UDC consegue novos logros no ámbito da Intelixencia Artificial aplicada ao desenvolvemento sostible, considerado estratéxico para a transferencia do centro de investigación. O grupo que dirixe José Luis Calvo Rolle vén de recibir cadanseu premio da man do Comité Español de Automática (CEA) por dous traballos sobre control intelixente en enerxía eólica e almacenamento de enerxía con hidróxeno, respectivamente.

Os recoñecementos fortalecen as áreas de investigación en IA aplicada á sustentabilidade nas que traballa o CITIC, en colaboración con entidades públicas e privadas, en liña cos obxectivos globais de eficiencia enerxética. Neste eido, destacan iniciativas de alcance europeo no contexto Horizonte 2020, como o “Smartees”, para modelado de innovación social enfocada á transición cara a eficiencia enerxética e a sostibilidade; ou o acordo que mantén co Concello da Coruña desde o pasado ano para avanzar, como socio tecnolóxico, na dixitalización da mobilidade e no deseño dun mapa de “zonas de baixas emisións”.

Maior eficiencia no almacenamento de enerxía con hidróxeno, a solución para gardar enerxía renovable a falta de sol e vento

O artigo Intelligent hybrid system for the prediction of the voltage-current characteristic curve of a hydrogen-based fuel cell céntrase nunha aplicación punteira e moi prometedora enfocada ao almacenamento de enerxía mediante hidróxeno, considerado aliado da loita contra o cambio climático. Concretamente, “falamos dun modelo híbrido intelixente para predicir o comportamento dinámico dunha pila de combustible alimentada por hidróxeno. O proceso de modelado é capaz de captar a enorme complexidade do comportamento do sistema grazas á combinación de técnicas de agrupamento e, posteriormente, técnicas intelixentes de regresión con redes neuronais artificiais sobre cada un dos grupos”, explica José Luis Calvo Rolle. Esta achega representa a gran vantaxe de coñecer con antelación o estado en que se atopa a pila de combustible, permitindo xestionar a estratexia do seu control de maneira máis eficiente.

Algoritmos intelixentes para prever anomalías na fabricación de aero-xeradores

No outro artigo premiado (Anomaly detection based on intelligent techniques over a bicomponent production plant used on wind generator blades manufacturing) trátase a detección de anomalías nunha instalación empregada para obter o material do cal se fabrican as pas de aero-xerador. A principal achega reside en que a aparición de anomalías é detectada satisfactoriamente sen contar con coñecemento previo sobre a natureza destas, “o cal é especialmente complexo tendo en conta o amplo abano de posibles fontes orixinarias dun evento adverso nunha contorna industrial, como poden ser os fallos en sensores e actuadores, o envellecemento de equipos, as perturbacións nas medidas, etc.”, segundo apunta o investigador do CITIC. Esta tarefa realízase a través de algoritmos intelixentes de tipo one-class que aseguran a detección precoz de anomalías, contribuíndo ao mantemento, á optimización e, consecuentemente, á eficiencia da instalación.

Referencia bibliográfica:

“Anomaly detection based on intelligent techniques over a bicomponent production plant used on wind generator blades manufacturing”. E Jove, J Casteleiro-Roca, H Quintián, JA Méndez-Pérez, JL Calvo-Rolle.

“Intelligent hybrid system for the prediction of the voltage-current characteristic curve of a hydrogen-based fuel cell”. Jose-Luis Casteleiro-Roca, Antonio Javier Barragan, Francisca Segura, Jose Luis Calvo-Rolle, Jose Manuel Andújar.