CITIC

O CITIC desenvolve un proxecto de mobilidade urbana sostible co Concello da Coruña

24/03/2020

O CITIC está desenvolvendo o proxecto DIMAIN: Análise funcional para o deseño dunha marquesina interactiva, un proxecto de transferencia co Concello da Coruña que ten o obxectivo de favorecer a mobilidade urbana sostible. Desta forma, o CITIC colaborará co concello local na análise do estado da arte, avaliación do mercado e análise funcional para o deseño tecnolóxico dunha marquesina interactiva, así como o deseño das canles de información necesarios vinculados ao mesmo. A nova marquesina tamén permitirá analizar o fluxo de viaxeiros e medir a calidade do aire.

O alcance deste proxecto pasará por ofrecer información relevante en tempo real e contextualizada ao momento xeográfico no que se sitúa o punto de información intelixente. Ademais, a información non será nun só sentido, como ten lugar na actualidade, senón que permitirá que os usuarios dos servizos poidan comunicarse coa administración e con outros usuarios. Neste sentido, a información será dinámica, integrada e multicanle, adaptándose a distintos dispositivos tanto colectivos como persoais.