CITIC
Foto CITIC_

O CITIC obtén 9 axudas de apoio á etapa predoutoral e posdoutoral concedidas pola Xunta

28/06/2021 – CITIC

A Xunta de Galicia resolveu este mes de xuño as axudas de apoio á etapa de formación predoutoral e posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego. No caso das bolsas predoutorais, o CITIC obtivo 8 axudas das 15 concedidas na rama de enxeñería e arquitectura. Pola súa banda, na convocatoria de axudas posdoutorais, o CITIC conseguiu 1 das 11 outorgadas na área de enxeñería e arquitectura. En total, preto do 35% das axudas concedidas nesta rama foron captadas polo CITIC.

O obxecto destas convocatorias é outorgar axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia e aos centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia, para que contraten a persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros, no caso das axudas predoutorais, e, no caso das posdoutorais, para que contraten a persoas tituladas superiores que obtiveron recentemente o título de doutora ou doutor para a súa formación nos seus centros, unidades ou departamentos, permitindo a mellora das súas capacidades mediante estancias de investigación posdoutoral no estranxeiro ou, en casos excepcionais, en centros de I+D+i de fóra de Galicia.