CITIC

O CITIC participa na organización do ICCF2019

10/07/2019

Este luns arrincou na Coruña a terceira edición do International Conference on Computational Finance (ICCF2019), que reúne a 120 expertos académicos e profesionais do ámbito das finanzas cuantitativas e os seus aspectos computacionais, co obxecto de presentar avances recentes de interese en temas relacionados co sector financeiro e asegurador, e propiciar a colaboración dos investigadores con prestixiosos profesionais do sector financeiro. O evento está organizado pola Universidade da Coruña, coa colaboración do CITIC, a Fundación Barrié, ITMATI, European Consortium of Mathematics and Industry (ECMI), Abanca, Afundación e Risk.net.

Así, o comité científico está coordinado polo investigador Carlos Vázquez Cendón e formado por expertos internacionais no tema de diferentes países. Membros do grupo M2NICA do CITIC forman parte do comité organizador, coordinado por Íñigo Arregui.

O ICCF2019 é unha actividade dentro do Doctorado Industrial Europeo ABC-EU-XVA, financiado pola convocatoria MSCA do programa H2020 da Unión Europea para formar doutores en contornas de problemas relacionados con axustes de valoración de tipo XVA en colaboración coa industria financeira e en contorna de mobilidade internacional. Participan a UDC e as entidades financeiras Banco de Santander e Abanca como beneficiarios españois do proxecto, que inclúe universidades e empresas belgas, holandesas e italianas.

Esta edición de Coruña dá continuidade á serie ICCF, que se celebrou anteriormente en Greenwich (2015) e Lisboa (2017), xurdindo como iniciativa dentro da rede ITN Strike desenvolvida entre 2013 e 2016. Nesta ocasión, ademais o ICCF2019 é un congreso satélite do congreso mundial de matemática aplicada e industrial ICIAM2019.

Programa completo