O CITIC recibe a visita de estudantes de universidades mexicanas
18/06/2019
O CITIC recibiu hoxe a visita dun grupo de alumnos de diferentes universidades mexicanas, provenientes de diferentes estudos superiores tales como enxeñaría mecatrónica, enxeñaría informática e enxeñaría biomédica, que participan no Programa Delfín. Este programa foi creado por diferentes universidades mexicanas co obxectivo de fomentar a formación de capital intelectual de alto nivel académico, que contribúa ao desenvolvemento rexional, nacional e internacional. Os participantes deste programa son mozos con talento e vocación pola ciencia e a tecnoloxía.
Os estudantes participantes neste programa que visitaron o centro, integráronse nun proxecto de investigación asesorados polo investigador do CITIC Alejandro Pazos nunha estancia académica cunha duración de sete semanas na Universidade da Coruña.
Na visita, o subdirector do CITIC, Javier Pereira, achegoulles o traballo desenvolvido no CITIC e as liñas de actuación do centro. Despois, o grupo dirixiuse ao edificio de ampliación do CITIC, onde se atopa o Centro de Procesamento de Datos (CPD), onde o responsable da unidade de sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro, lles explicou o seu funcionamento.
A visita finalizou na sala Show Room, onde se lles mostrou un sistema de monitorización dunha unidade de coidados críticos no ámbito médico e outros demostradores de tecnoloxía desenvolvida no centro, tales como o eBack, que permite corrixir a posición postural da columna vertebral. Os estudantes tamén puideron coñecer o funcionamento de Robobo, deseñado pola spin-off da UDC MINT, creada por investigadores do CITIC do grupo GII, pensado para achegar robots educativos de baixo custo ao ámbito educativo.