CITIC

O CITIC é o primeiro centro de investigación español en incorporarse á Asociación Española para a Intelixencia Artificial

12/06/2019

O CITIC incorporouse á Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA), sendo o primeiro centro de investigación español en formar parte dela. Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro creada en 1983 e formada por socios numerarios e institucionais, que ten o obxectivo de fomentar o desenvolvemento da Intelixencia Artificial tanto no ámbito español como no Iberoamericano.

Entre os fins da AEPIA atópase a creación e coordinación de grupos de traballo, o apoio á transferencia de tecnoloxía, o apoio a entidades para facilitar a súa innovación e aplicación das técnicas e aplicacións da Intelixencia Artificial, proporcionar un soporte e foro de discusión a investigadores e estudantes nas súas actividades relacionadas coa Intelixencia Artificial, desde os aspectos de investigación científica e tecnolóxica, desenvolvemento, aplicación e docencia.

No CITIC ao redor da metade dos investigadores traballan en proxectos relacionados coa IA, polo que é unha disciplina de gran interese para o Centro. Unha das súas tres áreas tecnolóxicas, en concreto a de Percepción, Cognición e Interacción, cobre un amplo espectro de técnicas de Intelixencia Artificial. Cabe destacar tamén que a presidenta da AEPIA, Amparo Alonso, é investigadora do CITIC.

A incorporación do CITIC á AEPIA suporá unha excelente oportunidade para a cooperación con diferentes institucións no ámbito da IA e o fomento da transferencia de resultados á sociedade.