CITIC

O CITIC visitou o CEGADI no marco do convenio de colaboración con COGAMI

14/02/2020

O pasado 10 de febreiro unha delegación do CITIC visitou o CEGADI (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) para coñecer de cerca o proxecto de Innovación en Autonomía Persoal que está desenvolvendo COGAMI en Santiago de Compostela.

Á visita e posterior reunión asistiron por parte do CITIC, o director, Manuel F. González Penedo; o subdirector, Javier Pereira; o responsable de Transferencia Tecnolóxica e Innovación, Manuel Bustabad; e a investigadora Thais Pousada. Por parte de COGAMI participaron no acto a coordinadora de Áreas de COGAMI, Charo Lema; a coordinadora do área de Autonomía Persoal, Juani Tubío; e a coordinadora do área de Proxectos e Persoal do CEGADI, Catuxa Pereira.

Na reunión de traballo puidéronse coñecer os recursos tecnolóxicos que están utilizando neste innovador proxecto onde se utiliza a realidade virtual e a impresión aditiva 3D, entre outras tecnoloxías, así como en que aspectos o CITIC pode colaborar en desenvolver tecnoloxías aplicadas ao ámbito da autonomía persoal. Así mesmo, definiuse un calendario para seguir avanzando nesta colaboración e abordar proxectos máis ambiciosos con financiamento de convocatorias públicas competitivas nacionais ou internacionais.

Esta actuación enmárcase no plan de traballo definido mediante o convenio de colaboración asinado entre o CITIC e COGAMI en abril de 2019 e é continuación da xornada de formación no ámbito TIC que desde o CITIC se impartiu ao persoal de COGAMI o pasado mes de xaneiro.