CITIC

O grupo IRLab do CITIC, seleccionado no Programa Innovate do Campus Innova

06/02/2019

O grupo IRlab do CITIC foi seleccionado na primeira fase da convocatoria do Programa Innovate, para a valorización de resultados de investigación do Campus Innova. O obxectivo do programa, financiado polo propio Campus Innova e a OTRI da UDC, é identificar e valorar os resultados da investigación levada a cabo no seo do Campus Innova, a través da análise inicial do seu potencial de transferencia, así como a posta en valor do coñecemento desenvolto polos grupos relacionados coas áreas de especialización do Campus.

Desta forma, unha vez acabada a primeira fase do programa de xerarquización de solicitudes, o grupo IRlab pasa á segunda fase de análise na área Innova TIC, unha das tres áreas de especialización do Campus Innova.

Pola súa parte, a misión do Campus Innova é consolidar a UDC coma un polo de coñecemento de excelencia rexional, nacional e internacional na área de coñecemento das TIC e outras tecnoloxías innovadoras, e a súa hibridación con outras áreas coma as humanidades e as ciencias da vida.