CITIC

O investigador Carlos Gómez participa na iniciativa #ConversacoaUDC

19/11/2019

O investigador do CITIC Carlos Gómez participará no ciclo de charlas de divulgación #ConversacoaUDC, compartindo as súas vivencias na investigación do Procesamento da Linguaxe Natural. Esta iniciativa nace da man da Unidade de Divulgación Científica da UDC e Radio Coruña Cadea SER e ten como obxectivo a difusión das actividades de investigación da universidade entre o público en xeral, empregando para iso un formato distendido e unha linguaxe accesible.

A charla co investigador do CITIC terá lugar no Café Santa Cruz na Rúa Padre Feijoo da Coruña, o vindeiro xoves 21 ás 19:30 horas. Carlos Gómez presentará a súa experiencia investigadora no campo interdisciplinar da informática, lingüística e a intelixencia artificial coa súa conversación titulada “Máquinas que entenden o noso idioma”. Indagará sobre a procura para que as máquinas poidan comprender e utilizar as linguas humanas, concretamente os desafíos que na actualidade existen nesta área de investigación presentando os logros do proxecto FASTPARSE, no que se conseguiu, por exemplo, realizar este ano os analizadores sintácticos máis rápidos e precisos que existen na actualidade.

O ciclo #ConversacoaUDC comezou o xoves 10 de outubro e baséase nun pequeno formato de charla ao redor dun café, onde diferentes investigadores da UDC darán a coñecer a súa actividade cunha linguaxe non especializada para espertar a curiosidade científica, compartir a súa paixón polo coñecemento e as colaboracións con outros científicos.