CITIC

O investigador José Antonio Iglesias Guitián obtén unha axuda Ramón y Cajal

27/08/2019

O investigador José Antonio Iglesias Guitián, que nos próximos días se incorporará ao CITIC, acaba de obter unha axuda Ramón y Cajal da Axencia Estatal de Investigación, unha das axudas de captación e consolidación de talento máis prestixiosas a nivel nacional. A resolución provisional das axudas foi publicada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades este mes de agosto.

As axudas están dirixidas á incorporación de investigadores estranxeiros ou españois cunha traxectoria destacada en centros de I+D, por un período máximo de cinco anos. Os candidatos deberán demostrar unha traxectoria científico-técnica relevante a nivel internacional. As axudas cofinancian a contratación entre universidades e organismos de investigación españois e inclúen unha dotación adicional destinada a cofinanciar a contratación destes investigadores ao concluír os cinco anos e outra para cubrir os gastos de investigación iniciais asociados á súa incorporación.

José Antonio Iglesias é investigador en Ciencias da Computación e incorporarase en setembro ao CITIC a través do programa Intalent, programa de colaboración entre a UDC e Inditex para a contratación de investigadores postdoctorais con proxección e ampla traxectoria internacional. Ata a data, traballou no Centre de Visiò per Computador (CVC) e foi investigador asociado da Universidade Autónoma de Barcelona, colaborando tamén como docente. A súa actividade investigadora actual céntrase na exploración de técnicas de rendering e iluminación avanzadas para a visualización científica, e máis recentemente para a súa aplicación en simuladores virtuais. Anteriormente traballou durante case dous anos para The Walt Disney Company e Disney Research.

Ao longo da súa carreira investigadora publicou 14 artigos en revistas, 9 dos cales están publicados no top 3 na lista de revistas referenciadas en computación gráfica. É co-inventor de 3 patentes en USA e foi galardoado cun Disney Inventor Award (2016). Participou en varios proxectos europeos, nacionais e internacionais, así como en proxectos de transferencia.

© Carlos Pardellas