O investigador Raúl Santoveña é premiado pola RAGC polo traballo sobre o descubrimento dun novo tipo de estrelas ricas en fósforo
21/09/2020 – CITIC
O investigador do CITIC Raúl Santoveña acaba de ser galardoado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co Premio de Investigación 2020 na categoría de investigadores mozos pola súa participación no descubrimento dun novo tipo de estrelas ricas en fósforo, que poderían axudar a explicar a orixe deste elemento químico na nosa galaxia e a súa posible relación co xurdimento da vida na Terra.
Este traballo foi publicado recentemente na revista Nature Communications e parte do descubrimento realizado por un equipo multidisciplinar formado pola astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte, ambos investigadores do CITIC, xunto con investigadores do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).
O recoñecemento outorgado pola RAGC está dotado con 2.000 euros. Os premios serán entregados durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo novena edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez.
Ademais, nesta edición foron premiados co Premio de Investigación outorgado a científicos sénior os investigadores do CiMUS Diana Guallar e Miguel Fidalgo, polo descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes. En canto ás mencións honoríficas, na categoría de investigadores sénior o recoñecemento recaeu no enxeñeiro do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo, Jesús Balado. Na modalidade de investigadores mozos, outorgóuselle a mención honorífica ao investigador do grupo Nanobiomol do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares CiQUS, Esteban Suárez.