CITIC
elisa-fernandez-alvarez-premio-fin-de-mestrado-cpeig

Elisa Fernández obtén o Premio TFM do CPEIG polo traballo desenvolto no CITIC ao redor do proxecto CovidBens

26/10/2021 – CITIC

A enxeñeira informática Elisa Fernández Álvarez foi galardoada co Premio Traballo Fin de Mestrado en Enxeñaría Informática outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), grazas ao traballo que desenvolveu no CITIC ao redor do proxecto CovidBens. Recibiu o premio polo desenvolvemento dunha ferramenta que permite a xestión e explotación dos datos de carga viral obtidos a partir da análise de augas residuais e que son empregados para realizar predicións de casos da COVID-19.

O TFM estivo titorizado polos investigadores do CITIC Susana Ladra e Alejandro Cortiñas. A ferramenta deseñouse para dar soporte ás tarefas desenvolvidas no proxecto CovidBens, posto en marcha pola Edar de Bens co apoio do INIBIC, o CITIC, o CICA e o CITEEC. CovidBens estivo integrado por un equipo multidisciplinar de profesionais da microbioloxía e das ciencias de datos e conseguiu ser un importante fito na investigación científica galega.

Co Premio Traballo Fin de Mestrado, o CPEIG busca achegarse ao colectivo estudantil, promover as vantaxes da colexiación e estimular o traballo dos estudantes. Así, Elisa Fernández Álvarez obterá un ano de colexiación de forma gratuíta e unha gratificación económica de 1.000 euros.

O premio será entregado na XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o vindeiro 29 de outubro en Santiago de Compostela e reunirá aos principais entes do sector TIC en Galicia. Na gala tamén será homenaxeado o CITIC polo proxecto “Talentos Inclusivos”.