CITIC

Enténdenos a IA ou só o aparenta?, na próxima edición de SINFILTRO cara ao futuro e máis aló

22/05/2024 - CITIC
  • O investigador do CITIC da UDC, Carlos Gómez, ofrece unha conferencia sobre “Que hai detrás da revolución de ChatGPT ?” nesta cita organizada por Marcelo Castelo en colaboración con Afundación.
  • Achegarán distintas visións sobre o impacto da intelixencia artificial nas nosas vidas.

Como funcionan realmente os grandes modelos de linguaxe como ChatGPT? Entenden de verdade o noso idioma ou só o aparentan? Sobre estas e outras cuestións que hai detrás da revolución de ChatGPT falará o investigador principal do CITIC da UDC, Carlos Gómez Rodríguez, na próxima edición de SINFILTRO cara ao futuro e máis aló, que terá lugar o próximo 5 de xuño na sede de Afundación da Coruña, conducida e promovida polo conferenciante internacional e especialista en comunicación persuasiva, Marcelo Castelo.  

Organizada por Marcelo Castelo en colaboración coa Obra Social Abanca, Afundación, a cita centrará o seu programa nesta ocasión en modelos disruptivos da linguaxe humana que nos ofrece a IA. Ademais do relatorio de Carlos Gómez, terá lugar tamén unha mesa redonda na que participarán o propio investigador do CITIC; o CIO de EVO Banco, Rubén Andrés; o CIO de Teladoc Health, Jordi Parera e o CIO de Mobile World Capital, Eduard Martín Lineros. Así mesmo, presentarase o barómetro “Estado emocional do tecnólogo en España” de man do presidente do Consello Superior de Enxeñeiros Informáticos de España, Fernando Suárez; e do director xeneral de CIE, Alberto García. 

SINFILTRO ao Banco de Alimentos Rías Altas 

No próximo encontro do 5 de xuño, o condutor do evento creado para achegar de forma amena o impacto da IA nas nosas vidas, Marcelo Castelo, aproximarase, a través de diferentes voces, á contorna do ChatGPT. 

SINFILTRO cara ao futuro e máis aló ten unha vocación social e a cantidade recadada coas entradas (cuxo custo é de 3€) será doada integramente ao programa Cultura por Alimentos impulsado por Afundación, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, para incrementar os recursos do Banco de Alimentos Rías Altas.  

Como peche do acto, Marcelo Castelo terá un dos seus habituais faladoiros “vándalos” cos humoristas Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, que repite a súa experiencia en SINFILTRO. 

Máis información e entradas: https://www.afundacion.org/es/agenda/evento/sin-filtro-marcelo-castelo