Entrevista coa investigadora Andrea Meilán trala súa estancia de investigación na Universiteit Hasselt
17/09/2019
Onde realizaches a túa estancia e durante canto tempo?
Realicei unha estancia durante un mes e medio na Universiteit Hasselt (Bélxica), no CenStat.
Por que elixiches esa universidade?
Elixín esta universidade para poder traballar coa profesora Anneleen Verhasselt. Anneleen forma parte do grupo de investigación do Censtat, o cal centra a súa investigación na teoría asintótica, métodos non paramétricos, técnicas de suavizado e métodos para datos censurados, entre outros. Estes tópicos están directamente relacionados co meu proxecto de tese.
Cal é o teu campo de estudo?
O meu campo de estudo é a Estatística Espacial. En particular, usando técnicas non paramétricas, traballo con modelos de regresión con dependencia espacial.
En que consiste o traballo desempeñado na universidade de destino e que aplicacións ten?
Na estancia estiven traballando nun tema incluído no meu proxecto de tese: estimación non paramétrica de modelos de regresión con dependencia espacial en presenza de datos censurados (o valor dunha observación só se coñece parcialmente). Neste contexto, existen varias aplicacións a datos ambientais ou epidemiolóxicos, onde as variables observadas poden presentar información censurada.
Para rematar, coméntanos algo da parte máis persoal da estancia: Que che pareceu a cidade? Como é a xente e a cultura de alí? Onde te aloxaches? Como te desenvolviches no campus? Que che aportou a experiencia a nivel persoal?
Estiven vivindo nun apartamento en Hasselt, unha cidade moi tranquila. O campus atópase a 5 km da cidade, pero están moi ben comunicados, tanto en autobús coma se queres ir en bicicleta. Tanto o campus como a cidade non son moi grandes, polo tanto, podes desenvolverte sen problemas. A nivel persoal, a experiencia foi moi produtiva, coñecín a moita xente e outras culturas.