CITIC

Estancia no CITIC dos investigadores Elmurod Kuriyozov, Sanatbek Matlatipov e Jaloliddin Rajabov da Universidade de Uzbekistán nomeada en honra a Mirzo Ulugbek

21/08/2023 - CITIC

Carlos Gómez, membro do CITIC, convidou os investigadores Elmurod Kuriyozov, Sanatbek Matlatipov e Jaloliddin Rajabov da Universidade Nacional de Uzbekistán nomeada en honra a Mirzo Ulugbek, a realizar unha estancia no centro desde o 20 de agosto ata o 15 de setembro. O obxectivo da visita é a asistencia a un seminario formativo organizado con motivo do proxecto no que están a traballar.

Os expertos están a desenvolver o proxecto “UzUDT: Universal Dependencies Treebank and parser for natural language processing on the Uzbek Language”, do cal Carlos Gómez é colaborador externo, que foi concedido á Facultade de Matemáticas Aplicadas e Tecnoloxías Intelectuais da Universidade Nacional de Uzbekistán no marco da convocatoria “Modernizing Uzbekistan National Innovation System” promovida polo Banco Mundial e o Goberno da República de Uzbekistán.

O proxecto está deseñado para abordar as complexidades lingüísticas da lingua uzbeka mediante o uso do Procesamento da Linguaxe Natural (PLN). O seu traballo pretende enriquecer a comprensión da sintaxe uzbeka ademais de facilitar e mellorar as aplicacións do PLN, contribuíndo así ao progreso das tecnoloxías lingüísticas.

O desenvolvemento do proxecto abarca múltiples fases, todas centradas en abordar diferentes aspectos de mellora da PLN, como ferramentas avanzadas na análise de sentimentos, recoñecemento de entidades e análises morfolóxico. Ademais, incorpora o desenvolvemento dun UzUDT (Universal Dependency Treebank) para a lingua uzbeka. Para os investigadores é necesario incluír o UzUDT como un proxecto de código aberto, para que todo o mundo poida acceder facilmente á súa aplicación.