Estudantes universitarios e de bacharelato coñecen de preto a innovación no CITIC
- O Centro TIC da Universidade da Coruña recibiu ao alumnado do Grao de Ciencia de Datos, do IES Eusebio da Guarda e do Colexio Plurilingüe Compañía de María (A Coruña)
A Coruña, 31 de outubro de 2024 – O CITIC recibiu recentemente a dous grupos de estudantes do Grao en Ciencia e Enxeñería de Datos da Universidade da Coruña, como parte das súas iniciativas para achegar a investigación e a innovación ás novas xeracións de profesionais en tecnoloxía. Ademais, esta semana, vinte estudantes do Colexio Plurilingüe Compañía de María e once alumnos e alumnas do IES Eusebio da Guarda, ambos grupos pertencentes ao Bacharelato de Excelencia en Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM), tamén visitaron o CITIC, dentro do programa dirixido aos expedientes máis destacados do primeiro curso de bacharelato.
Durante a súa estadía no CITIC, os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer en detalle os proxectos de investigación en curso e as infraestruturas do centro. As visitas comezaron no demostrador tecnolóxico, onde mostráronselles diferentes prototipos do persoal investigador do CITIC. Ademais, comprobaron o funcionamento das gafas Hololens de realidade aumentada, visualizando diferentes escenarios, como unha visita virtual ao CITIC ou actividades como a simulación do voo dun dron. A continuación, na sala de robótica, mostráronselles o can robot, que entre as súas funcións pode realizar planos 3D de instalacións, un brazo industrial, empregado por exemplo en cadeas de montaxe, ou o robot Summit, que ten varias cámaras para unha monitorización externa.
No laboratorio 3D, o alumnado puido ver as impresoras de resina, de filamento e de po de nailon e na sala de realidade virtual coñeceron distintas simulacións da vida real orientadas a persoas con diversidade funcional, como por exemplo preparar un almorzo.
Estas visitas permítenlles aos estudantes, tanto universitarios como de bacharelato, familiarizarse co entorno de investigación e ter unha visión práctica das posibles saídas profesionais no ámbito das TIC. Ao achegarse á investigación e ao desenvolvemento tecnolóxico, estas experiencias fomentan unha formación completa e práctica para os futuros profesionais do sector.